Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
"se hai crise, hai crise para todos"

Karpin repensa os seus patrocinios deportivos

Segundo publicaba esta sexta feira un xornal galego, a crise do ladrillo podería chegar a afectar ao equipo ciclista profesional galego, entre outros.

Redacción - 12:40 22/02/2008
Cando xogaba na Real Sociedad

Cando xogaba na Real Sociedad

Esta sexta feira o xornal Faro de Vigo publicaba un artigo no que aseguran que o ex futbolista e empresario da construción, Valery Karpin, está comezando a repensar os seus patrocinios deportivos, debido ao freo do sector inmobiliario, que está afectando aos seus negocios.

Arestora Karpin está a patrocinar ao Club Voleibol Vigo, ao Universidade de Vigo de rugbi e ao nadador parolímpico Chano Rodríguez, alén do equipo profesional galego de ciclismo que leva o seu nome, o Karpin Galicia, unha das grandes apostas deportivas do noso país nos últimos anos.

"Se non se vende, non se vende"
Segundo este artigo, Karpin estaría pensando se seguir cos seus patrocinios, porque "cando hai crise, hai crise para todos", e ao parecer a crise do sector inmobiliario está a afectar seriamente a súa empresa.

Por outro lado, o empresario tamén se laiou de ter que deixar de ser o mecenas destes clubes, mais lembrou que "se non se vende, non se vende" e que xa se está a falar de recesión noutros países da UE, o que pode chegar, ao seu xuízo a afectar a "España, Galiza e Vigo".

O futuro do KGZ
No caso de retirar Karpin o seu patrocinio, o equipo ciclista profesional galego sería un dos máis afectados, porque poucas empresas galegas apoian abertamente o ciclismo fronte a outros deportes. De feito, dos cartos que financiaron ao KGZ Karpin en 2007 (3,7 millóns de euros), Valery Karpin pon unha grande parte do 67% do total (xunto con Caixanova e Cardomar). O 33% restante do financiamento do KGZ o ano pasado procedeu da Dirección Xeral para o Deporte e outras institucións públicas.

Na altura da creación de Fundación Ciclismo Galego, Karpin xa tiña feito unhas declaracións que definen o que agora acontece: "sen ladrillo non hai ciclismo". E a verdade é que este deporte non o ten tan fácil como por exemplo o fútbol ou o baloncesto (que viven dos dereitos televisivos ou do que recadan nas billeteiras). O ciclismo precisa de patrocinadores, cantos máis mellor, para sobrevivir.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Karpin xunto a Ánxela Bugallo e Santiago Domínguez, cando comezaba cos seus patrocinios
Karpin xunto a Ánxela Bugallo e Santiago Domínguez, cando comezaba cos seus patrocinios
Na presentación do KGZ 2008, xunto a Ánxela Bugallo e David Abal
Na presentación do KGZ 2008, xunto a Ánxela Bugallo e David Abal