As televisións cubana e chinesa intercambian programas e sinal. Mentres, Irán pretende crear unha canle para toda América Latina dende Bolivia.
Logotipos de Cubavisión e da Televisión Central Chinesa
O audiovisual racha fronteiras grazas aos acordos de colaboración que xurdiron entre dous países de Latinoamérica e outros dous asiáticos. Por unha banda, as tres canles internacionais da televisión chinesa CCTV ampliaron a súa difusión a Cuba. O proxecto, nado en 2004, levará a programación procedente da China a máis de 45.000 habitacións de hoteis, sedes diplomáticas, centros de saúde e educativos. En contrapartida, Cubavisión Internacional xa se ve en 16 provincias chinesas, con arredor de 21.000 abonados.
Os intercambios entre Cuba e a China estenderanse á distribución de programas de televisión, que inclúen coproducións e ciclos de cine chinés na illa e cubanos no país asiático. O intercambio contará con documentais, telenovelas, programas infantís, musicais e producións sobre ballet, historia e medio ambiente, subtitulados nas respectivas linguas oficiais.
Televisión iraniana
Por outra banda, o presidente de Bolivia, Evo Morales, anunciou que Irán está interesado en crear unha canle de televisión no centro do país, para emitir a todo o territorio boliviano e a América Latina. Morales desvelou a nova durante a clausura do congreso das federacións de cocaleiros do trópico de Cochabamba, unha organización que tamén aspira a crear unha emisora de radio.
O proxecto televisivo iraniano é un paso máis da serie de acordos de cooperación que asinaron Mahmud Ahmadineyad e Evo Morales nos eidos da enerxía, da agricultura e da industria. Os dous estados abriron relacións diplomáticas en setembro de 2007. Dende aquela, o presidente de Irán visitou Bolivia en dúas ocasións, a finais de setembro e no mes de xaneiro de 2008.