Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aínda sen xuízo

Egunkaria: cinco anos pechado malia non haber acusacións contra o xornal

Un presunto vínculo coa ETA foi o argumento para arramplar co diario. A Fiscalía recoñece que non había motivo para tal proceder.

Redacción - 13:40 20/02/2008

Non só se criminalizou un diario senón "o conxunto da actividade relacionada co éuscaro". Así o denuncian representantes de formacións políticas (PNV, EA, EB-Berdeak ou Aralar), sindicatos (ELA, LAB ou CCOO) e persoeiros diversos da sociedade vasca, desde académicos da Euskaltzaindia até futbolistas, pasando por escritores, músicos ou bertsolaris. Todos eles apoiaron hai poucos días unha concentración en apoio dos imputados no peche do que no seu momento era o único diario en éuscaro, Euskaldunon Egunkaria. No acto, apelaron á "conciencia crítica" da sociedade vasca, subliñando a importancia de non esquecer o ataque á liberdade de expresión que supuxo o peche do diario.

Os mesmos colectivos e persoeiros apoian un novo acto de protesta este mércores, salientando a necesidade de que "non se esqueza este caso". E fano cando se cumpren exactamente cinco anos desde o 20 de febreiro en que ducias de axentes da Garda Civil entraron na redacción do Euskaldunon Egunkaria e, baixo a orde do xuíz Juan Del Olmo, cerraron indefinidamente o xornal.

Unha reprochábel "cadea de excesos"
"O propio fiscal do caso solicita o sobresemento do mesmo, e para que? Se á fin o xuízo oral resulta xa inevitábel", recolle o manifesto redactado polo grupo de apoio ao Egunkaria e os seus ex traballadores. "Todo parece indicar que as forzas que se ocultan por tras da acusación contan cun empuxe superior ao conxunto das institucións antes mencionadas", sinalan, "É necesario parar esta cadea de excesos, non pode ser que tamén no caso Egunkaria se dea unha sentenza condenatoria: debémosllo ao futuro".

Ao respecto da presunta vinculación do diario coa ETA o fiscal da Audiencia Nacional xa admitiu que non hai proba ningunha. Xa que logo, a Fiscalía recoñeceu que non vai presentar acusación e retirou a petición de que o tema se arquive indefinidamente. De feito, en todo o sumario a partir do cal o xuíz decidiu o peche, só se cita en concreta o xornal nunha soa ocasión. Malia iso, de momento segue na mesa a solicitude de 200 anos de prisión e máis de 235 millóns de euros para a ducia de acusados.

Hai un ano, e por estas mesmas datas, coincidindo cos catro anos do peche, o goberno vasco realizara unha declaración institucional condenando a teima no caso e recordando as palabras do ex presidente José María Aznar, quen comentara ao respecto do feito de que os xuíces pechasen diarios: "crían que non nos iamos atrever?"


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: