Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARTA EN GRANMA

"Desexo só combater como un soldado das ideas"

A mensaxe completa de Fidel Castro, renunciando aos cargos de presidente e comandante en xefe.

Redacción - 09:00 19/02/2008
Tags:

Mensaxe do Comandante en Xefe

Queridos compatriotas:

Prometinlles o pasado venres 15 de febreiro que na próxima reflexión trataría un tema de interese para moitos compatriotas. A mesma adquire esta vez forma de mensaxe.

chegou o momento de postular e elixir ao Consello de Estado, o seu Presidente, Vicepresidentes e Secretario.

Desempeñei o honroso cargo de Presidente ao longo de moitos anos. O 15 de febreiro de 1976 aprobouse a Constitución Socialista por voto libre, directo e segredo de máis do 95% dos cidadáns con dereito a votar. A primeira Asemblea Nacional constituíuse o 2 de decembro dese ano e elixiu o Consello de Estado e a súa Presidencia. Antes exercera o cargo de Primeiro Ministro durante case 18 anos. Sempre dispuxen das prerrogativas necesarias para levar adiante a obra revolucionaria co apoio da inmensa maioría do pobo.

Coñecendo o meu estado crítico de saúde, moitos no exterior pensaban que a renuncia provisional ao cargo de Presidente do Consello de Estado o 31 de xullo de 2006, que deixei en mans do Primeiro Vicepresidente, Raúl Castro Ruz, era definitiva. O propio Raúl, quen adicionalmente ocupa o cargo de Ministro das F.A.R. por méritos persoais, e os demais compañeiros da dirección do Partido e o Estado, foron renuentes a considerarme apartado dos meus cargos a pesar do meu estado precario de saúde.

Era incómoda a miña posición fronte a un adversario que fixo todo o imaxinábel por desfacerse de min e en nada me agradaba compracelo.

Máis adiante puiden alcanzar de novo o dominio total da miña mente, a posibilidade de ler e meditar moito, obrigado polo repouso. Acompañábanme as forzas físicas suficientes para escribir longas horas, as que compartía coa rehabilitación e os programas pertinentes de recuperación. Un elemental sentido común indicábame que esa actividade estaba ao meu alcance. Doutra banda preocupoume sempre, ao falar da miña saúde, evitar ilusións que no caso dun desenlace adverso, traerían noticias traumáticas ao noso pobo no medio da batalla. Preparalo para a miña ausencia, psicolóxica e politicamente, era a miña primeira obriga logo de tantos anos de loita. Nunca deixei de sinalar que se trataba dunha recuperación "non exenta de riscos".

O meu desexo foi sempre cumprir o deber ata o último alento. É o que podo ofrecer.

Aos meus entrañables compatriotas, que me fixeron a inmensa honra de elixirme en días recentes como membro do Parlamento, en cuxo seo débense adoptar acordos importantes para o destino da nosa Revolución, comunícolles que non aspirarei nin aceptarei- repito- non aspirarei nin aceptarei, o cargo de Presidente do Consello de Estado e Comandante en Xefe.

En breves cartas dirixidas a Randy Alonso, Director do programa Mesa Redonda da Televisión Nacional, que a solicitude miña foron divulgadas, incluíanse discretamente elementos desta mensaxe que hoxe escribo, e nin sequera o destinatario das misivas coñecía o meu propósito. Tiña confianza en Randy porque o coñecín ben cando era estudante universitario de Xornalismo, e reuníame case todas as semanas cos representantes principais dos estudantes universitarios, do que xa era coñecido como o interior do país, na biblioteca da ampla casa de Kohly, onde se albergaban. Hoxe todo o país é unha inmensa Universidade.

Parágrafos seleccionados da carta enviada a Randy o 17 de decembro de 2007:

"A miña máis profunda convicción é que as respostas aos problemas actuais da sociedade cubana, que posúe unha media educacional próxima a 12 graos, case un millón de graduados universitarios e a posibilidade real de estudo para os seus cidadáns sen discriminación algunha, requiren máis variantes de resposta para cada problema concreto que as contidas nun taboleiro de xadrez. Nin un só detalle se pode ignorar, e non se trata dun camiño fácil, se é que a intelixencia do ser humano nunha sociedade revolucionaria ha de prevalecer sobre os seus instintos.

"O meu deber elemental non é aferrarme a cargos, nin moito menos obstruír o paso a persoas máis novas, senón achegar experiencias e ideas cuxo modesto valor provén da época excepcional que me tocou vivir.

"Penso como Niemeyer que hai que ser consecuente ata o final."

Carta do 8 de xaneiro de 2008:

"...Son decidido partidario do voto unido (un principio que preserva o mérito ignorado). Foi o que nos permitiu evitar as tendencias a copiar o que viña dos países do antigo campo socialista, entre elas o retrato dun candidato único, tan solitario como á vez tan solidario con Cuba. Respecto moito aquel primeiro intento de construír o socialismo, grazas ao cal puidemos continuar o camiño escolleito."

"Tiña moi presente que toda a gloria do mundo cabe nun gran de millo", reiteraba naquela carta.

Traizoaría xa que logo a miña conciencia ocupar unha responsabilidade que require mobilidade e entrega total que non estou en condicións físicas de ofrecer. Explícoo sen dramatismo.

Afortunadamente o noso proceso conta aínda con cadros da vella garda, xunto a outros que eran moi novos cando se iniciou a primeira etapa da Revolución. Algúns case nenos incorporáronse aos combatentes das montañas e despois, co seu heroísmo e as súas misións internacionalistas, encheron de gloria o país. Contan coa autoridade e a experiencia para garantir a substitución. Dispón igualmente o noso proceso da xeración intermedia que aprendeu xunto a nós os elementos do complexo e case inaccesíbel arte de organizar e dirixir unha revolución.

O camiño sempre será difícil e requirirá o esforzo intelixente de todos. Desconfío das sendas aparentemente fáciles da apoloxética, ou a autoflaxelación como antítese. Prepararse sempre para a peor das variantes. Ser tan prudentes no éxito como firmes na adversidade é un principio que non pode esquecerse. O adversario a derrotar é sumamente forte, pero mantivémolo baixo control durante medio século.

Non me despido de vostedes. Desexo só combater como un soldado das ideas. Seguirei escribindo baixo o título Reflexións do compañeiro Fidel. Será un arma máis do arsenal co cal se poderá contar. Talvez a miña voz se escoite. Serei coidadoso.


Ligazóns

4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: