Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Denuncia da Mesa pola Normalización Lingüística

"Burra, no hables lenguas menores"

Frases coma esta foron adicadas por un xefe de sección dun centro comercial coruñés a empregados que falaban galego.

Redacción - 15:30 18/02/2008

Son xa arredor de corenta casos denunciados nos últimos dous anos e a maioría non se fixeron públicos. Pero periodicamente, a Mesa pola Normalización Lingüística recibe queixas de traballadores que sufriron problemas por falar na lingua do país, e segundo explica Carlos Callón, presidente da Mesa, neste 2008 e na cidade d'A Coruña son xa dous casos. No primeiro deles, acontecido nunha academia, a vítima da discriminación non quixo difundir publicamente o acontecido.

Mais si neste segundo caso, a Mesa foi autorizada polos traballadores implicados a facer pública a denuncia. Segundo explicaron este luns en conferencia de prensa, un xefe de sección do centro comercial Carrefour da Coruña repróchalles a algúns traballadores que falen en galego no espazo de traballo.

Láianse desde a Mesa pola Normalización Lingüística de que malia que o estatuto do traballador penaliza a discriminación lingüística na práctica do día a día seguen aparecendo casos coma este que "demostran a situación de desamparo" na que se encontran moitos traballadores á hora de poderen exercer o dereito de falar en galego no seu contorno laboral.

Sen plan contra a discriminación lingüística no ámbito laboral
"Isto é unha mostra máis de que aínda non hai igualdade de oportunidades para quen queira desenvolver con normalidade a súa vida en galego", quéixase Callón.

Por este motivo, o colectivo insta á Secretaría Xeral de Política Lingüística a tomar cartas no asunto. "En ningún momento tomaron ningunha medida ao respecto", censuran desde a Mesa. No mesmo sentido, chaman á Consellaría de Traballo a implicárense neste tema. Recordan ademais, que o colectivo leva tempo insistindo na necesidade de que a administración deseñe un plan contra a discriminación lingüística no ámbito laboral.


5/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: