Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Maruxa Boga

“Deus queira que Galiza estea no lugar que Castelao e eu soñamos”

A Delegación da Xunta en Bos Aires homenaxeou a Maruxa Boga a lendaria condutora do programa "Recordando a Galicia" ao longo de 45 anos.

Débora Campos - 09:50 14/02/2008

Con espléndidos 92 anos e unha lucidez impecable, Maruxa Boga foi homenaxeada este mércores na Delegación da Xunta en Bos Aires. Co patrocinio da Secretaría Xeral de Emigración e da Fundación Xeito Novo, editarase unha biografía desta lendaria condutora da audición "Recordando a Galicia" ao longo de 45 anos.

“Estou moi emocionada e moi agradecida. Deus queira que Galiza estea pronto no lugar que Castelao e eu soñamos”, pechou as súas verbas a lendaria actriz arxentina, filla de galegos, Maruxa Boga que ao longo de 45 anos conduciu a audición “Recordando a Galicia” que escoitaban milleiros de emigrados da Arxentina. Foi nunha homenaxe que lle fixeron este mércores na Delegación da Xunta, na cidade de Bos Aires, coa participación da delegada María Xosé Porteiro; o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez; e dos responsables da Fundación Xeito Novo.

Co cabelo branco e vestida cun traxe floreado en cores lilas e violetas, Maruxa Boga chegou ao salón que dende agora leva o seu nome pasadas as 19 deste mércores. Foi recebida cun forte e emotivo aplauso dos asistentes que ateigaban non só as cadeiras disponibles senón cada recanto do lugar. Ese aplauso acompañouna ao longo do seu lento percorrido ata chegar ao escenario onde compartiu asento co Secretario Xeral de Emigración e co presidente de Xeito Novo, Gustavo Fernández.

Reparación histórica
“Sentímonos felices de participar deste acto de reparación histórica coa figura da señora Maruxa Boga xa que -a iniciativa da Delegación da Xunta de Galicia- este salón levará o seu nome”, dixo Fernández.

O Presidente de Xeito Novo leu un breve discurso no que lembrou que os pais e avós da nova xeración de galegos moito lles lembraron a emoción coa que agardaban o comezo da audición Recordando a Galicia. “Por iso, so faltaba ponerlle o nome de Maruxa Boga a este salón, en territorio galego e no centro da cidade de Bos Aires”, dixo.

Antes de rematar, Fernández anunciou que se escribirá unha biografía de Boga e sinalou: “Ela sempre foi como a nosa conciencia, o noso exemplo a seguir”.

Non perder o pasado
Pola súa banda, o Secretario Xeral de Emigración rexeitou a tarefa de facer unha semblanza da homenaxeada porque, dixo, sería unha audacia diante dos seus amigos e veciños que a coñecen moito mellor. “Non tería sentido nin explicación falar do que hoxe é Galiza sen o esforzo de vós e dos vosos parentes. Sodes parte activa do que hoxe é Galiza”, dixo Manuel Luis Rodríguez.

Segundo explicou, non facía máis nese acto que cumprir un desexo personal do presidente Emilio Pérez Touriño que suxeriu esa homenaxe a Maruxa Boga en ocasión da apertura da Delegación, o ano pasado. “A obsesión do noso Presidente son as persoas e o que quere é que nunca máis se teña que acudir a un éxodo masivo para buscar o futuro lonxe de Galiza”, dixo.

Ademáis, explicou que -máis alá do acto e do agasallo- a idea desta clase de homenaxes é enfocalas cara a Galicia para que “se coñezan alá, para que as xeracións futuras de galegos non perdan este coñecemento”.

Imos gañar”
“Síntome moi agradecida por isto”, comezou Maruxa Boga cando Porteiro lle achegou un micro. Decontado, disculpouse cunha broma por non ser quen de porse en pe e lembrou os inicios do seu lembrado programa radial “Recordando a Galicia” dende o que –en distintas radios ao longo de 45 anos– espallou a cultura galega e defendeu aos exiliados e exiliadas.

Tivo verbas emocionadas para o seu compañeiro nesa tarefa, o xornalista Alfredo Arostegui, e para moitos que os acompañaron. Non esqueceu a Castelao, que foi un alicerce da audición, e recordou que o día antes da súa morte foi velo: “Achegeime e cun fío de voz, porque xa non tiña case forzas, dixome «No aflojes, Maruja, no aflojes. Vamos a ganar!”.

E rematou falando da Galiza de hoxe en día: “Desexo que mellore porque penso que ainda faltan moitas cousas”.



4,25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: