"Descoñecemento" e "electoralismo" son os criterios cos que se está falando de inmigración cara ao 9M, segundo os colectivos sociais que apoian o foro.
O Foro Galego de Inmigración entende que si é necesario mudar a Lei de Estranxeiría, mais eses cambios deberan introducirse no sentido de eliminar as faragullas de "racismo" e "discriminación" nas que se inspira, segundo critican.
A plataforma convida os partidos a que non eviten o tema en campaña electoral, pero propón que o traten desde un punto de vista "serio e razoábel". Nese sentido, achegan varias recomendacións, a primeira delas, que no caso das persoas que están no Estado en situación irregular se lles garanta cando menos que gozarán dos dereitos básicos e que no caso dos inmigrantes legais a situación sexa "de igualdade completa".
Do mesmo xeito, outras circunstancias ás que debera atender a lexislación serían a substitución dos expedientes de expulsión por sancións económicas "cando non hai delitos" ou o estabelecemento de autorización para poder traballar sen limitacións de actividade ou lugar cando se dispoña de autorización de residencia. Tamén solicitan que se melloren os catálogos provinciais de ocupacións laborais de difícil cobertura e se aumente a dotación de persoal e medios nas oficinas de estranxeiría.
O Foro Galego de Inmigración considera que o uso "electoralista" da realidade da inmigración está demostrando "unha falta de respecto absoluta" cara á situación de millóns de persoas no conxunto do Estado. Láianse ademais do "fondo descoñecemento da realidade de inmigración" da que dan exemplo os discursos os principais dirixentes políticos.