No seu escrito de resposta, a Consellería rexeita os principais argumentos dos afectados/as reiterando a validez do Plano Acuícola. Alén disto, Pesca, aponta tamén algunhas respostas bastante preocupantes que deixan traslucir unha visión distorsionada e industrialista do desenvolvemento da acuicultura en Galiza:
-Rexéitase o carácter industrial das plantas acuícolas. Para Pesca, son instalacións de "producción primaria", comparábeis aos bancos marisqueiros ou ás explotacións gandeiras. Iso sí, noutro punto do escrito de resposta insístese en que a "industria acuícola" (SIC) precisa, entre outras cuestións, dunha calidade de auga óptima. En que quedamos?
-Malia a desbotar sorpresivamente a ampliación de Seráns, o departamento de Carme Gallego sostén que "impedir a ampliación das instalacións existentes implica poñer en perigo a súa viabilidade e sostibilidade a longo prazo, derivándose posibles perxuízos económicos e sociais." Como se come isto? É que non vale para Seráns e sí para Quilmas, Lira, Merexo... Pesca xustifica as ampliacións por facerse en zonas "xa degradadas" fronte á alternativa de crear máis fatorías no litoral virxe (no que por certo, van 13 novas plantas). A propósito, Sra. Conselleira, que actividades son as responsábeis da "degradación" desas áreas?
-Xustifícase o Plano Acuícola pola necesidade de crear emprego xa que debido á sobreexplotación dos caladoiros, o sector pesqueiro non o vai facer. E sobre e o turismo... pois está "condicionado pola súa estacionalidade especialmente en Galiza, alén de ser moi sensible ás flutuacións da conxuntura económica xeral" (SIC). Deste xeito, a Conselleira dá por perdido o sector pesqueiro-marisqueiro tradicional, renunciando a millorar os seur recursos e a intervir para subsanar as súas eivas (sobrepesca, dinamita, contaminación, precariedade laboral), máis aló das subvencións para desguaces. E sobre o turismo... pois como na nosa costa chove moito e non temos máis que ofertar que sol e praia, como en Benidorm, pois debemos criar peixes en piscinas para ter un futuro. Patético.
Hai tamén outras pérolas argumentativas que pola súa fondura gardan un sorprendente parecido coa "parte contratante da primeira parte". Como o problema das verteduras, sobre as que se afirma que "calquera nova instalación ou ampliación requerirá da preceitiva autorización de vertedura" e que a Xunta "dispón dos mecanismos adecuados para facer cumprir dita normativa". Pero se actualmente 27 piscifatorías na costa galega non teñen aínda permiso definitivo de vertedura e portanto, a administración non ten idea do que se está a botar ao mar polos tubos! (ver as análises de ADEGA e o caso dos antibióticos de Carballo). Ulos "mecanismos adecuados" para cumprir unha normativa que estas instalacións levan máis de 15 anos saltándose?
E sobre a ubicación en primeira liña de costa, Pesca mantén que estas instalacións "non poden ter outra situación" que a zona de servidume de protección, para poder captar a auga do mar. Como é entón que o Ministerio está a decretar a caducidade das concesións feitas en zona de servidume e obrigando a retranquear as instalacións? E como é que a macropiscifatoría de Pescanova en Mira (Portugal) está situada a 500 m da liña de costa?
En fin, ADEGA lamenta a cerrazón e a miopía da Consellería de Pesca que teima en seguir defendendo o indefendíbel: un plano sectorial inxusto e insustentábel dende o punto de vista ambiental e social. A pesar das súas contradiccións, a Conselleira segue a ignorar o clamor social e teima en manterse como principal valedora dos intereses da patronal.
Fronte á maquillaxe eleitoral que supón o rexeitamento da ampliación de Seráns, ADEGA e os colectivos sociais contra o Plano Acuícola seguimos pulando pola retirada definitiva do conxunto do proxecto e a apertura dunha mesa de negociación con representación dos movementos sociais, patronal e administración.