A presidencia eslovena, con quenda este semestre, comunicou que "a reelección de Tadic acelerará o progreso de Serbia na ruta cara á UE".
O comunicado oficial feito público por Eslovenia subliña con claridade o avance que na posíbel integración na UE supón para Serbia o resultado destes comicios. Ademais, a posición explicitada polo executivo esloveno ten tamén o valor adicional de chegar desde un país que até a declaración da independencia en 1991 tamén formaba parte da antiga Iugoslavia.
"O pobo de Serbia parece ter confirmado o seu apoio ao curso democrático e europeo do seu país", recolle a comunicación. Así, o goberno esloveno ve moi perto a sinatura do Acordo de Estabilización e Asociación que abriría o camiño para adquisición por parte de Serbia do status de candidato á integración na Unión Europea a medio prazo.
A vitoria este domingo do europeísta Boris Tadic inflúe tamén noutro factor: o camiño á independencia de Cosova. Con probabilidade, un triunfo de Tomislav Nikolic tería empeorado ese proceso e levado a unha declaración unilateral de independencia en breve prazo disparando a tensión na zona. Porén, o resultado facilita que a UE poida xestionar de xeito máis próximo o proceso, de forma que a proclamación da soberanía cosovar tardaría un chisco máis pero contaría coa beizón da Unión Europea.