Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Ciclo ConversasCon

O voluntariado como ferramenta para "unha visión positiva da lingua"

Coordinadores dos voluntariados lingüísticos que están a funcionar nestes momentos no Estado (en Catalunya, Euskadi, País Valencià e Galiza), comparten experiencias "a prol dun maior uso social para as linguas".

Redacción - 14:30 31/01/2008

O representante valenciano, Vincent Moreno, sinalou que un dos obxectivos do voluntariado é “dar unha visión positiva da lingua, xa que moitas das persoas que se achegan ao valenciano por primeira vez fano por obriga, e aquí o que queremos é que lle collan afecto e máis aumentar o seu uso social". “Nós o que queremos é que vexan o valenciano como un agasallo, como unha lingua de acollida, xa que o uso social é o que fai que unha lingua estea viva".

Iker Martínez, de Topagunea, sinalou que Mintzapraktika, o programa vasco, tenta principalmente crear redes de uso do éuscaro, xa que moitas veces aquelas persoas que coñecen esta lingua non a poñen en práctica porque non contan no seu círculo social con outras persoas que a falen.

Teresa Casals, responsábel do voluntariado catalán, comentou que en Catalunya, onde o catalán ten unha presenza nas aulas dun 60%, chegan arredor de dez mil alumnos de fóra cada curso. "Se ao incorporarse piden as clases en castelán, a lingua morre, e isto está xerando discordia nas propias universidades, pero un falante dunha lingua romance pode entender un discurso universitario con tan só vinte horas de aprendizaxe", subliñou. Para iso, as universidades catalás están pondo múltiplas ferramentas á disposición destes alumnos, desde páxinas web, guías e o propio voluntariado.

Son algunhas das reflexións que se escoitaron na mesa redonda coa que deu comezo na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela a segunda edición do ciclo conversascon, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Por parte galega, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, recordou a Castelao, de quen este mércores se celebraba o aniversario do seu nacemento, para salientar a importancia de incorporar novos falantes á lingua. “Castelao é unha figura fundamental na historia de Galiza pero ademais un neofalante. Cómpre recordar que Castelao, cando chega a Galiza despois de pasar a súa infancia na Arxentina falaba en castelán, e só foi aos 17 anos, cando tomou consciencia da situación da lingua, cando decide ser falante de galego, e que falante de galego”.

Máis información na web da Mesa pola Normalización Lingüística


4,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: