A prensa estadounidense avanza que Giuliani vaise retirar e cederlle o seu apoio.
O es alcalde de Nova York, Rudy Giuliani, permanecera nas últimas semanas afastado do primeiro plano. Segundo o seu plan de campaña, concentraba os seus esforzos, económicos e estratéxicos, no estado de Florida, onde pretendía que se evidenciase a súa verdadeira entrada no combate pola candidatura republicana.
Pero os resultados deste martes parecen ir descartalo definitivamente da carreira pola Casa Branca. Así, o senador por Arizona, John McCain, conseguiu o 36% dos apoios da militancia do Partido Republicano. Atrás del quedou Mitt Romney, co 31%. Mcain leva así os 57 delegados aos que dá dereito a vitoria en Florida, importante aval ás portas do supermartes. O terceiro posto de Giuliani, cun 15% de votos, apenas un chisco por riba do 13% de Huckabee, apártao da competición. A última hora, o New York Times avanzaba que é probábel que Giuliani nin sequera agarde á votación no seu feudo máis posíbel, Nova York, despois do fracaso da súa arriscada estratexia de demorar a entrada na loita republicana. O mesmo xornal, aventura que con probabilidade pasará a apoiar a McCain, que parece ser o máis forte agora mesmo.
Por outro lado, Florida foi tamén escenario dunha vitoria ampla de Hillary Clinton no lado do Partido Demócrata, conseguindo o 50% dos votos. No segundo posto, Barack Obama quedou cun 33% e John Edwards chegou ao 14%. No entanto, trátase dunha vitoria que non contará na suma de delegados final, xa que o adianto sen permiso da votación, que tradicionalmente coincide co supermartes, fixo que o Partido Demócrata lle quitase validez legal. Con todo, as bases demócratas sorprenderon acudindo masivamente a votar, de xeito que o triunfo de Clinton ten o aval de case 900 mil votos.