A raíz dunha denuncia levada polo PPdeG ao Parlamento Galego que continuou cun informe do Goberno e a apertura do expediente disciplinario.
A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos abriu un expediente disciplinario esta terza a cinco traballadores da Escola Náutico Pesqueira de Ferrol (entre os que está tamén o director do centro, Julio Rodríguez Bona), por facer "cobros indebidos" ao realizar varios exames fóra do horario lectivo.
O caso vén de atrás; dun informe previo que levou á Comisión de Pesca do Parlamento a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares, o pasado mes de decembro.
A actuación do Goberno comezou a partir dunha denuncia do PPdeG, que recollía as queixas dos directores das academias e das escolas homologadas pola Xunta para titulacións deportivas, que preparaban os seus alumnos para examinarse no centro. Estes alertaron de se lles estaban esixindo, dende a Escola Náutica, 50 euros por realizar os exames fóra do horario lectivo.
Era un caso que viña de vello
As investigacións sobre estes supostos cobros ilegais xa comezaran en 2005, mais o expediente foi arquivado naquela altura por falta de probas.
O director da escola tamén foi denunciado en 2006 por "acoso laboral" por once traballadores do centro, entre os que se atopaban varios profesores e administrativos.