O organismo europeo considera que estas 'listas negras' non respectan os dereitos individuais fundamentais e son "totalmente arbitrarias".
Dick Marty
A Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (APCE) determinou esta cuarta feira que os procedementos da ONU e da Unión Europea para incluír a sospeitosos nas súas 'listas negras' de terroristas non respectan os dereitos individuais fundamentais e son "totalmente arbitrarias".
A APCE aprobou un informe neste senso, elaborado polo suízo Dick Marty -quen tamén investigou os voos da CIA- e pediu que tanto a lista da UE como a do Consello de Seguridade da ONU sexan examinadas de novo "no interese da credibilidade da loita internacional contra o terrorismo".
"A inxustiza é a mellor aliada do terrorismo e haina que combater tamén", subliñou Marty ao comezo do debate. Estas sancións pódense impor "sobre a base de simples sospeitas", recolle o informe, e considera que "é lamentábel e viola os Dereitos Humanos e as liberdades fundamentais".
Ademais salienta que hai unhas 370 persoas no mundo que teñen actualmente os seus bens conxelados e que non poden viaxar xa que foron inscritas na lista negra do Consello de Seguridade da ONU. Asemade, unhas 60 entidades figuran nunha lista similar da UE.