Está previsto un investimento de 133 millóns, dous deles por parte da Consellaría de Medio Rural
Nun prazo de dous anos Galiza contará con sete plantas de biomasa que producirán un total aproximado de 40 megavatios de enerxía, procedente da biomasa forestal, segundo indican as previsións de Medio Rural, que efectuará unha inversión de dous millóns de euros. O orzamento se completa con 131 millóns máis procedentes de entidades privadas.
Durante a Xornada sobre a situación da biomasa como produtora de enerxía en Galiza, celebrada en Compostela, o director xeral de Montes, Alberte Blanco, destacou que durante as vindeiras semanas aprobarase o decreto de regulación de creación destas plantas, incluídas no Plan de Aproveitamento da Biomasa Forestal Residual, e que a partir da súa aprobación arredor da primavera as empresas interesadas fomentar esta forma de enerxía alternativa poderán realizar as súas solicitudes.
Coa incorporación de esta nova fonte de enerxía, a Dirección Xeral de Industria estima que no 2012 Galiza poderá cubrir o 95 por cento das súas necesidades de consumo enerxético, que actualmente se sitúa no 50 por cento provinte das eólicas, solares e biomasa. A pesar disto, a alternativa non é global, xa que non hai suficiente biomasa para substituír aos combustíbeis fósiles, sendo necesario combinala con outras alternativas.
Enerxía e patrimonio forestal
Este proxecto prevé unha potencia máxima por planta dun máximo de dez megavatios, o que supón que en dous anos Galiza contará con 40 megavatios instalados por todo o seu territorio. Mais esta iniciativa tamén ten outros beneficios, ao ser a materia prima os subproductos de madeira, matoxos e cultivos forestais enerxéticos. Co aproveitamento deste material, evítase a posibilidade de incendio forestal co que se mantén a riqueza e patrimonio forestal do país.
O forestal é un sector estratéxico do noso país, segundo indicou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, quen indicou que somos “unha potencia forestal, cun 68% do seu territorio ocupado por monte e a metade por superficie propiamente arborada”, situándonos á cabeza das rexións europeas. Coa proliferación do aproveitamento da biomasa, contribuiríase tamén á creación de tecido económico no referente ao calor e a electricidade, e introducindo “un elemento de xeración de emprego e fixación de poboación rural”.
Malia isto, o director da Asociación Galega de Monte-Industria, Juan Picos, advertiu que a industria ten que ser cauta e demandou á Administración que isto non sexa “unha especie de barra libre”, para todo tipo de promotores que se sumen á iniciativa tan só pola subvención, xa que o importante é a xeración dun valor engadido de emprego.