Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Dereito cidadán á participar na política

As asociacións veciñais reclaman máis transparencia ao goberno de Vigo

A FAVEC denuncia que dende o Concello non están levando a cabo unha xestión democrática e transparente ao non facer públicas as actas dos plenos, entre elas, o de aprobación do PXOM.

Redacción - 12:45 21/01/2008

Tras as irregularidades cometidas coa aprobación do PXOM de Vigo, o goberno local segue a levantar polémicas. Segundo a Federación de Asociacións Veciñais da cidade olívica, as autoridades non están ofrecendo unha xestión municipal “democrática e transparente”, xa que dende o pasado mes de outubro non se publican na web do Concello as actas dos plenos e das xuntas de goberno.

Ante esta situación a FAVEC reclama unha actuación do goberno que permita coñecer publicamente as decisións tomadas dende o Concello, xa que non entenden “porque se deixaron de publicar estes documentos con información pública e de especial interese para toda a cidadanía”.

O secretario da Federación, Xosé Couñago, afirmou en declaracións a Vieiros que a falta de transparencia comezou xa coa aprobación do PXOM, cando ao solicitar a información pertinente sobre os cambios feitos no citado documento recibiron por resposta CDs con datos incompletos, o que supoñía a exclusión dos veciños da súa capacidade de exercer o dereito democrático de participar nun acto público.

Irregularidades do PXOM

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, podería ser condenado penalmente por impedir o exercicio dos dereitos cidadáns no pleno no que se aprobou o PXOM, segundo se indica nun informe xurídico elaborado polo avogado da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais. A sesión plenaria pode tamén ser impugnada, xa que durante o pleno no que se procedeu á súa aprobación, impediuse a entradas dos representantes veciñais, dereito recollido na Constitución.

O Plan Xeral tamén frouxea dende o punto de vista arquitectónico. Segundo un estudo encargado por representantes de cinco parroquias, o PXOM incumpre os cambios marcados pola Xunta hai un ano, e “a metade dos cambios non se realizaron”, segundo indica o voceiro dos afectados de Sárdoma, Manuel del Pozo. Existen erros non corrixidos, como as “illas de dúas casas”, marcan compensacións en lugar de expropiacións e hai vivendas afectadas que antes non o estaban.

Reivindicacións veciñais

Dende a FAVEC, reclaman que as actas dos plenos, xuntas de goberno local e xerencia de urbanismo, estean accesibles a toda a veciñanza o antes posíbel, e lembran ao goberno municipal que “non se pode gobernar deixando de lado á cidadanía”.

Como medida de chamada de atención, a Federación está levando a cabo protestas que quedan recollidas no rexistro do Concello, xa que “a diferencia das autoridades, queremos ser claros, e reclamamos con estes feitos unha reciprocidade en canto a transparencia”.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: