O candidato puxo como exemplo da utilidade do voto do nacionalismo galego os logros conseguidos na negociación dos Presupostos Xerais do Estado.
O cabeza de lista pola provincia da Coruña ao Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, afirmou que o 9 de marzo "o único voto útil para Galiza, o que vai garantir que os problemas dos galegos se escoiten en Madrid" será o do BNG.
Jorquera fixo estas declaracións no transcurso dun acto público no que participaron tamén a responsábel comarcal do BNG na Coruña, Silvia Seixas, o concelleiro de Rehabilitación Urbana e Vivenda, Mario López Rico, e a responsábel de Galiza Nova, Avia González.
O candidato nacionalista dixo que as eleccións do 9 de marzo non van ser presidenciais, xa que "a xente non vai elixir entre Rajoy e Zapatero para presidente, se non que van escoller os deputados de cada provincia, e estes serán os que o elixan".
Jorquera amosouse seguro de que "non vai haber maiorías absolutas, polo que será necesario o apoio do BNG" e salientou a importancia de que o BNG conte cunha presenza máis forte en Madrid "para así influír aínda máis e que o goberno central atenda os problemas de Galiza".
O cabeza de lista nacionalista puxo como exemplo da utilidade do voto do nacionalismo galego e "da proximidade do BNG aos problemas da xente", os logros conseguidos polos nacionalistas na negociación dos Presupostos Xerais do Estado.