Este sábado volverán votar unha parte dos membros da federación, na repetición parcial do proceso electoral, que se prolongará até primeiros de febreiro.
A finais do decembro pasado, a Federación Galega de Piragüismo, dirixida por Modesto Valledor, desenvolvía as súas eleccións internas. Naquela altura o palista meco Alfredo Bea (quen, ademais, se presentaba ao cargo de presidente), denunciaba "presuntas irregularidades no proceso electoral".
O caso chegaba ao Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) que, co apoio da Dirección Xeral para o Deporte, obrigaba á repetición parcial das eleccións.
6 persoas que non puideron votar e 13 papeletas anuladas
Segundo Bea, naquelas primeiras eleccións houbo "seis electores que non puideron exercer o seu dereito a voto", e ademais, "anuláronse 13 papeletas" que segundo o palista do Grove, eran favorábeis á súa candidatura. Bea sinalaba, naquela altura, que Modesto Valledor era o responsábel de convocar novas eleccións "canto antes", para que se repetise o proceso "e para que sexa democrático".
A nova loita "en igualdade de condicións", segundo Bea, xa ten data. Este sábado 19 de xaneiro comezará o proceso electoral, coa constitución da mesa e a votación aos membros da asemblea. O día 22 convocaranse eleccións a presidente e Comisión Delegada. O 1 de febreiro, despois dun proceso de reclamacións, proclamarase a selección definitiva de persoas electas a estes cargos. O nome do presidente electo coñecerase definitivamente o vindeiro 7 de febreiro.