Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Operación Emmanuel'

O Instituto de Medicina Legal confirma a identidade do fillo de Clara Rojas

O laboratorio compostelán ratificou que Juan David Gómez Tapiero non está coas FARC. Por outra banda foi aprobada a entrega das dúas retidas.

Redacción - 10:01 10/01/2008
Chávez anunciou a entrega das retidas nun acto deportivo

Chávez anunciou a entrega das retidas nun acto deportivo

O Instituto de Medicina Legal, dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ratificou esta cuarta feira que a identidade de Juan David Gómez Tapiero se corresponde coa de Emmanuel, o fillo de Clara Rojas, retida polas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), segundo informou a Fiscalía colombiana.

Mediante unha comunicación telefónica, a Fiscalía foi notificada do resultado positivo da proba de ADN que realizou o laboratorio que dirixe Anxo Carracedo, e que fora remitida por Medicina Legal tras unha primeira análise positiva na identificación.

O laboratorio galego terá agora que emitir todos os papeis e certificados requiridos para incorporalos ao expediente da Fiscalía e do Instituto Colombiano de Benestar Familiar de Colombia. O ditame, segundo indicou a Fiscalía, confirmou a total coincidencia coas letras do xenoma do menor Juan David Gómez coa da súa avoa, Clara González de Rojas.

A partir de agora, a nai de Clara Rojas ou os seus fillos terán que solicitar por escrito a entrega de Emmanuel. Segundo informa o diario colombiano El Tiempo, ademais da familia materna, tamén podería solicitar a custodia de Emmanuel unha irmá do guerrilleiro das FARC Rigo, pai do menor.

Aprobada a entrega das retidas
Por outra banda, o goberno de Colombia anunciou a aprobación da misión do presidente de Venezuela, Hugo Chávez, e da Cruz Vermella Internacional, para que helicópteros venezolanos se despracen até a zona do Guaviare para recoller á ex candidata á vicepresidencia Clara Rojas e á ex senadora Consuelo González de Perdomo. Chávez anunciou que as FARC lle deran as coordenadas onde liberarán a ambas as dúas retidas, informou Unión Radio.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: