Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Protestas contra a "Celebración pola familia católica"

A Coordinadora de Crentes Galegos posiciónase contra a Igrexa máis conservadora

A "gran festa pola familia cristiá" do pasado domingo en Madrid provocou reaccións contrarias ao conservadorismo eclesiástico por todo o Estado. Tamén dende Galiza.

Redacción - 18:45 03/01/2008

A Coordinadora de Crentes Galegos e Galegas acaba de presentar o que chama un Documento da Paz, que vai empregar de material de base para desenvolver unha campaña contra a precariedade laboral que provoca "a exclusión social, a explotación dos e das traballadoras inmigrantes e tamén un elevado número de perda de vidas humanas".

Na presentación desta campaña, os voceiros da Coordinadora e de Redes Cristiás en Galicia aproveitaron a presenza da prensa para facer unha forte crítica da celebración do chamado Encontro das Familias, desenvolvido o pasado día 30 de decembro en Madrid. Esta manifestación foi promovida pola Diocese madrileña, presidida por Rouco Varela, xunto con determinados movementos eclesiásticos de carácter conservador, mais para a organización galega estaba "fóra de lugar e moi lonxe da realidade".

Esixen respecto ás diferentes realidades familiares
Os crentes galegos subliñan, nunha súa nota de prensa, que na nosa sociedade existen realidades familiares moi diversas, que a Igrexa está obrigada a aceptar, asumir, respectar e coas que debe convivir, dentro tamén da propia comunidade eclesiástica.

Esta defensa mediática dun único modelo familiar é para a Coordinadora, parte dunha mensaxe política "nunha liña claramente conservadora", nun marco de precampaña electoral, que, segundo contan, non concorda coas ideas políticas "de carácter claramente progresista" que manteñen moitos membros da Igrexa Católica, entre os que se inclúen, que non se ven representados por este tipo de actos.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: