Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE

Unión Europea: o ano de Sarkozy

"Compre agardar que empregue parte da súa enerxía en Europa, necesitada de liderado", analiza Enrique Sáez para o IGADI.

Redacción - 14:15 02/01/2008
Tags: Sarkozy UE

Dende a perspectiva institucional da Unión Europea, o feito máis salientábel do 2007 foi a aprobación en Lisboa do Tratado de Reforma, que pechou a crise aberta co fracaso do Tratado Constitucional. Pero a opinión pública lembrará mellor a elección de Nicolás Sarkozy como presidente de Francia, un país que demandaba cambios despois da etapa Chirac, chea de xestos e escasa de contidos.

O protagonismo de Sarkozy ven reforzado polo baixo perfil dos outros líderes europeos. Tony Blair retirouse, como prometera, para deixar o cargo de primeiro ministro do Reino Unido a Gordon Brown. As cousas non lle están saíndo ben nestes primeiros meses no posto, o que limita o seu papel exterior. Ángela Merkel, o líder europeo máis importante no 2006, está tamén absorbida na política interior polos problemas do SPD, o seu socio no Goberno de Alemaña.
Algo similar ocórrelle a Romano Prodi en Italia, á fronte dunha coalición inestábel. Os xemelgos Kaczinsky, que tiveron un lamentábel protagonismo nos últimos anos, xa non dirixen Polonia. J.L. Rodríguez Zapatero ten unhas eleccións a curto prazo e pouca afección á política exterior. Así as cousas, Sarkozy non ten que se esforzar demasiado para estar onde lle gusta: no centro do escenario, baixo os focos. Compre agardar que empregue parte da súa enerxía en Europa, necesitada de liderado.

A situación económica ven marcada pola crise dos mercados financeiros, iniciada polo afloramento dos riscos das hipotecas sub-prime nos Estados Unidos. A incerteza sobre o alcance dos problemas derivou na perda de confianza entre os axentes financeiros e a contracción do mercado interbanqueiro.

Temos por diante un panorama de menos crédito e máis caro, que ralentizará o crecemento. O Banco Central Europeo non sabe se subir ou baixar pola escaleira dos tipos de xuro. Está collido entre as peores perspectivas de crecemento, que o deberían levar a baixar tipos, e a suba do petróleo e dos alimentos, que empurran a inflación e recomendarían un incremento dos xuros. A inestabilidade económica creará tensións adicionais aos europeos no 2008.

Por último, o 2007 marcou o definitivo fracaso do esforzo neocon para levar unha política unilateral e EEUU fica á espera da elección dun novo presidente. A UE dispón agora da oportunidade de ter máis influencia como poder brando, baseado na diplomacia e no dereito internacional. Un mundo máis aberto e máis disperso, onde rexorden tendencias autoritarias e militaristas, necesita esa influencia, apoiada por unha economía que representa o 25% da produción mundial e polos 500 millóns de habitantes, que fan de Europa o terceiro axente internacional por poboación, tras China e India.

Retos como a substitución do Protocolo de Kioto por un tratado máis ambicioso, que axude a combater o quecemento global, as relacións con veciños agresivos, como Rusia e Irán, e a loita contra a pobreza, principalmente en África, amosarán si ese poder brando, que debería ser o poder do futuro, é quen de incrementar o papel de Europa no mundo. Unha Europa que agora pode liderar Nicolás Sarkozy.

Este artigo forma parte do informe anual do IGADI: "Transitando cara a unha estabilidade multipolar" (.pdf / 560Kb)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: