A hipotética independencia de Cosova e a ratificación do Tratado de Lisboa centraran a súa axenda. Por outra banda, Chipre e Malta únense á zona euro.
Os ministros portugués e esloveno de Exteriores, este luns en Madeira
Eslovenia é dende este martes o primeiro país ex comunista que se fai cargo da Presidencia semestral rotativa da Unión Europea. O que foi primeiro estado en se constituír tras o desmembramento da antiga Iugoslavia substitúe a Portugal, e dentro de seis meses cederalle o posto a Francia.
"A Presidencia da UE moveuse dende o Atlántico ao Mediterráneo, dende o oeste ao leste", dixo o ministro esloveno de Exteriores, Dimitri Rupel, ao tomar oficialmente a substitución do seu homólogo portugués, Luís Amado, na illa de Madeira.
Cosova
"O ano 2008 será decisivo. Ante nós temos unha ofensiva de amizade, colaboración, diálogo, respecto, comprensión e solidariedade", engadiu Rupel.
Malia ser un pequeno estado, con menos poboación que Galiza, e non ter un importante peso na economía europea, Eslovenia xogará un papel clave na solución do conflito entre Cosova e Serbia, dada a súa condición de ex república iugoslava.
"Un dos nosos maiores desafíos será unir á UE neste tema", sinalou o secretario esloveno de Estado para Asuntos Europeos, Janez Lenarcic. As aspiracións independentistas da actual provincia serbia contan co recoñecemento de polo menos 20 dos seus 27 membros. Entre os reticentes atópase o Estado Español.
Ademais, Lenarcic dixo que farán "todo o posíbel para acelerar o proceso de adhesión" á UE de todos os países ex iugoslavos. Outro dos temas que centrarán a axenda eslovena é o de conducir o proceso de ratificación do Tratado de Lisboa.
Novos países na zona euro
Por outra banda, tamén dende este martes, dous novos países da UE pasan a formar parte da zona euro, tal e como fixera hai un ano precisamente Eslovenia. Trátase de Chipre e Malta, o 14º e 15º estados dun bloque de 318 millóns de habitantes.
As dúas ex colonias británicas representan o 0,17% e o 0,06% do seu PIB. A poboación, que supera lixeiramente o millón de habitantes entre as dúas, acolleu a nova situación con temor a que se produza un alza nos prezos.