Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis de seis millóns de habitantes

Galiza-Norte de Portugal ten máis poboación que sete estados da UE

O Goberno salienta o potencial económico da zona na clausura do seminario europeo sobre Agrupacións de Cooperación Territorial.

Redacción - 11:00 07/07/2007

O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, subliñou este venres o potencial económico da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Como exemplo, afirmou que esta integra máis poboación (6,3 millóns de habitantes) que sete estados membros da Unión Europea: Chipre, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Luxemburgo e Malta.

Fernández Antonio fixo estas manifestacións na clausura do seminario europeo sobre o novo ente de Agrupacións de Cooperación Territorial (AECT), organizado polo Comité das Rexións en Baiona (Vigo), onde tamén avogou por unha estratexia conxunta entre Galiza e o Norte de Portugal.

O titular de Economía explicou que o afán que move a ambas administracións é "crear un espazo transnacional, interrexional e transfronteirizo de cooperación" que integre as peculiaridades de ambos os dous marcos políticos e institucionais, valorice a competitividade e o atractivo do territorio común e organice e identifique procesos de colaboración institucional.

Cooperación "de segunda xeración"

A AECT terá a súa sede en Vigo e, segundo Fernández Antonio, reforzará a capacidade das institucións deste espazo, e permitirá unha cooperación "de segunda xeración" entre ambas as dúas rexións para realizar e desenvolver iniciativas conxuntas a través dun único organismo.

A Eurorrexión xa iniciou o desenvolvemento do Plan Estratéxico de Cooperación transfronteiriza 2007-2013, aprobado o pasado 13 de abril e dotado con 97 millóns de euros.


4,36/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: