Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á avaliación e reforzo da Rede Natura

Despois de dous anos de parches e conflitos a Xunta acorda iniciar o Plan de Ordenación de Recursos naturais

O Goberno prevé que o proxecto estea finalizado en 2008. Regulamentará polo miúdo os usos urbanísticos do solo en espazos protexidos.

Redacción - 18:00 28/12/2007

A loita recente dos veciños de Merexo contra a esixencia de expropiación de 270 mil metros cadrados de terreos para outorgarllos a un proxecto de piscifactoría; a polémica cuns chalés dentro do Parque de Corrubedo; as edificacións en espazos protexidos na lagoa da Frouxeira, en Valdoviño; a destrución das Brañas de Xestoso, integradas en Rede Natura, entre os concellos de Forcarei, A Estrada e Silleda...

Todo un abano de exemplo de conflitos e denuncias relacionadas con proxectos urbanísticos a pé de espazos teoricamente protexidos. E todos eles, paradoxalmente, no contexto dunha lexislatura na que se anunciou como desafío o incremento da superficie de territorio protexida, do 12% actual até o 18%. Unha extensión que así e todo queda por baixo do 20% da media estatal e do 39% e 27% que respectivamente acadaron Madrid ou Asturias.

Desenvolvemento do marco legal para a atención dos espazos protexidos
O "Plan Director de Ordenación dos Recursos Naturais" proxectado estaría destinado en primeiro lugar a avaliar en detalle o estado de conservación dos recursos e ecosistemas xa existentes baixo Rede Natura e estabelecer en concreto o regulamento aplicábel. O Consello da Xunta decidiu este venres a autorización do inicio da súa elaboración. Será deseñado pola Consellaría de Medio Ambiente, a través da súa Dirección Xeral para a Conservación da Natureza.

Haberá de fixar o marco para a súa ordenación, determinar actividades permitidas e promover a aplicación de medidas de conservación, restauración e mellora dos recursos existentes. Tamén terá que fixar criterios para guiar as actividades socio-económicas neses ámbitos, tanto públicas como privadas, garantindo en todo caso que sexan compatíbeis cos plans concretos de ordenación.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: