Acababa de intervir nun mitin da súa formación, en Rawalpindi, ao sur de Islamabad. Outras vinte persoas finaron no mesmo ataque.
Segundo informan as principais axencias de noticias internacionais, a ex primeira ministra paquistaní Benazir Bhutto morreu esta quinta feira como consecuencia das feridas sufridas nun atentado suicida perpetrado na localidade de Rawalpindi, ao sur da capital de Paquistán, Islamabad.
Bhutto acababa de intervir nun mitin da súa formación, o Partido Popular de Paquistán (PPP), cando recibiu un disparo na cabeza e outro no pescozo, efectuados por un descoñecido que despois se suicidou cunha explosión. Wasif Ali Khan, un dos membros do PPP que se desprazou ao Hospital Xeral de Rawalpindi, onde estaba a ser operada, confirmou que Bhutto "ás 6.16 (hora local), expirou".
O conselleiro de Seguridade de Bhutto, Rehman Malik, queixouse de que xa lle pediran en varias ocasións ao Goberno que lle proporcionase seguridade á ex primeira ministra, pero que o executivo non lles fixo caso.
Unhas vinte persoas finaron no mesmo atentado e outras moitas resultaron feridas de diversa consideración. Bhutto participaba nun acto político de cara ás eleccións previstas para xaneiro. Xa fora primeira ministra do país en dúas ocasións. No mes de outubro sobreviviu a un ataque suicida na cidade de Karachi, o mesmo día que regresaba á vida pública. Daquela morreron 134 persoas. Bhutto culpou do atentado a extremistas islámicos.
O seu rival político e tamén ex primeiro ministro Nawaz Sharif declarou á BBC que o atentado foi unha traxedia "para toda a nación". O asasinato xa está a provocar a resposta masiva dos seguidores de Benazir Bhutto.
Poden ampliar a información na web da BBC ou en The New York Times.