Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
PARA A LIBERACIÓN DOS TRES RETIDOS POLAS FARC-EP

Goberno colombiano aceptou proposta do presidente Hugo Chávez

Caravana Aérea Humanitaria

O Goberno de Colombia aceptou a proposta Venezuela para a liberación de tres retidos polas Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia - Ejército del Pueblo, Clara Rojas, o seu fillo Emmanuel, nado en cativerio; e a ex deputada Consuelo González.

Xurxo Martínez Crespo - 12:25 27/12/2007

O Goberno de Colombia aceptou a proposta venezuelana para a liberación de tres retidos polas Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia- Ejército del Pueblo (Farc-Ep), Clara Rojas, o seu fillo Emmanuel, nado en cativerio; e a ex deputada Consuelo González.

A través dun comunicado do Ministerio de Relacións Exteriores colombiano, o seu titular, Fernando Araujo, sinalou que tras avaliar a proposta no Ministerio da Defensa procedeuse a aceptar a fórmula presentada onte mércores polo presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez Frías.

O Goberno colombiano puxo como única condición que as aeronaves venezuelanas que ingresen ao seu territorio leven o emblema da Cruz Vermella Internacional. Así mesmo designouse ao Comisionado de Paz, Luís Carlos Retrepo, como representante do Goberno de Colombia na operación humanitaria.

Comunicado do Ministerio de Relacións Exteriores de Colombia:

Bogotá, 26 de decembro de 2007

Señor ministro:

Dou resposta á súa nota de decembro 25 de 2007, recibida no día de hoxe, mediante a cal o Goberno da República Bolivariana de Venezuela solicita formalmente ao Goberno da República de Colombia a súa autorización para realizar unha misión humanitaria, con acompañamento internacional, para recibir en territorio colombiano á doutora Clara Rojas, ao seu fillo Emmanuel e á ex deputada Consuelo González de Perdomo.

O Goberno de Colombia agradece ao goberno da República Bolivariana de Venezuela e en particular ao presidente Hugo Chávez, o seu interese na liberación unilateral e incondicional destes tres secuestrados.

O Goberno de Colombia autoriza a misión humanitaria nos termos da súa misiva e delega como o seu representante ao doutor Luís Carlos Restrepo.

Por razóns constitucionais, as aeronaves que se empreguen nesta misión humanitaria deben levar os emblemas da Cruz Vermella Internacional.

Vállome desta oportunidade para reiterarlle as seguridades da miña máis alta consideración e aprecio.

Cordialmente,
Fernando Araújo Perdomo
Ministro de Relacións Exteriores


Néstor Kirchner encabeza delegación arxentina para liberación humanitaria


O ex presidente arxentino Néstor Kirchner encabezará a delegación humanitaria para a operación de liberación a proposta do presidente Hugo Chávez Frías.

O presidente Hugo Chávez anunciou onte mércores a fórmula acordada coas Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia- Ejército del Pueblo (FARC-EP) para a liberación de Clara Rojas, o seu fillo Emmanuel, nacido en cativerio; e a ex deputada Consuelo González; e que o goberno colombiano autorizase devandita operación humanitaria, informou a Axencia Bolivariana de Noticias.

Kirchner viaxará acompañado polo ministro de Exteriores arxentino, Jorge Taiana. "Con esta decisión queremos reafirmar o noso máis absoluto compromiso para colaborar con esta tarefa humanitaria e lograr a liberación dos reféns canto antes sexa posíbel", explicou o funcionario arxentino Alberto Fernández.

Precisou que "a presidenta arxentina, Cristina Fernández, xa conversou co goberno colombiano para confirmar que sería Néstor Kirchner quen iría como comisionado nesta delegación".

Minutos despois pronunciouse tamén desde a Casa Rosada a presidenta arxentina, Cristina Fernández, quen expresou que a participación de Néstor Kirchner foi solicitada polo mandatario venezuelano Hugo Chávez, e o de Francia, Nicolás Sarkozy.

"decidimos que sexa o ex presidente Néstor Kirchner, quen en representación do Poder Executivo (...) forme parte dunha sorte de comisión, de carácter internacional que poida constribuir ao troco humanitario e á liberación das persoas retidas polas FARC-Ep nas selvas colombianas durante o transcurso dos próximos días", dixo.

Explicou que tomaron a decisión convencidos de que se trata dun imperativo humanitario, "porque cremos que a República Arxentina debe ter neste campo e en calquera outro que se lle solicite no ámbito internacional todo un rol de cooperación e colaboración e, fundamentalmente, de solidariedade co sufrimento humano".


3/5 (4 votos)