O colectivo policial censurou estes días o alcalde de Compostela por terse posicionado a prol da excarceración dos veciños.
O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) manifestou o seu rexeitamento polas declaracións do Sindicato Unificado da Policía (SUP), onde censuraban o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, por se posicionar a prol do indulto para os 'tres do Eixo', os veciños condenados por agredir a un axente.
"O colectivo demostra que está a actuar dun xeito corporativista, na defensa dunha sentenza acaecida logo dunha investigación chea de baldeiros e contradicións nas declaracións policiais", sinalan dende o MpDC.
Ademais, afirman que o argumento do SUP baseado en que os veciños "non pediron desculpas ao axente ferido" e que o indulto suporía "un grave precedente" é incoherente.
Segundo o MpDC, no ano 2005, o Ministerio español de Xustiza concedeulles o indulto a catro policías locais de Vigo, logo dunha sentenza en firme, por deter e agredir a un cidadán senegalés sen motivos xustificados e "aínda así, non lle pediron nin perdón nin desculpas" ao agredido.
Tampouco o SUP daquelas, din dende o MpDC, se posicionaron daquelas en contra do indulto para estes axentes, que actualmente seguen a desempeñar o seu traballo no concello vigués.