O desequilibrio en recursos e salarios e o exceso de carga de traballo están entre as principais queixas.
De xeito especial, os problemas nas condicións laborais do persoal dos Puntos de Atención Continuada do Servizo Galego de Saúde, Sergas, son causa da folga deste venres 21 nos centros de saúde. Un conxunto de reivindicacións que se estenden a toda a atención primaria en xeral e onde a plataforma sindical unitaria, integrada por CIG, UXT, CESM e CSIF, avisa dos incumprimentos por parte da Consellaría de Sanidade de acordos anteriores. Segundo o Sergas este venres só está garantida a atención en urxencias.
Destaca entre as reclamacións a do estabelecemento dunha xornada laboral máxima por semana de 35 horas e a diferenciación clara do horario de atención ordinario respecto do da atención urxente. Os sindicatos tamén solicitan que á hora de cubrir ausencia de traballadores se opte preferentemente pola contratación, no canto de pola acumulación de cargas aos saturados cadros de persoal. A supresión dos sábados como xornada de atención ordinaria e a redefinición de categorías e salarios de persoal non sanitario son outras esixencias.
"Inaxeitada política de persoal"
Asó o sostén o Consello Galego de Colexios Médicos, reflexionando que o conflito xorde da falta dunha política de persoal que "estimule a práctica profesional" e que sexa "incentivadora e homoxénea na distribución de recursos". O Consello recomenda ademais que non haxa "diferentes remuneracións" para as mesmas cargas de traballo.
Advirten da "conflitividade" creada polo desequilibrio dos recursos existentes "entre diferentes áreas". Consideran ao respecto que non se aplicaron algunhas das principais propostas que se achegaran nas Mesas de Mellora da Atención Primaria, sinalando que de momento a administración centrouse na atención de determinados aspectos organizativos deixando de lado os requirimentos laborais "no seu día reivindicados".