Segundo o veredito, os policías que actuaron como testemuñas no xuízo, mentiron e manipularon as probas para culpar ao imputado, Sean Hoey.
O Tribunal da Coroa, en Belfast (Irlanda do Norte) absolveu esta quinta feira a Sean Hoey, un norteirlandés de 38 anos, acusado en relación co atentado de Omagh que perpetrou unha escisión do Exército Republicano Irlandés (IRA), o 'IRA verdadeiro', no verán de 1998. En total, foi declarado inocente de todos os cargos, 56.
Durante o proceso, a acusación argumentara que había mostras de ADN que relacionaban ao imputado con Omagh e con outros atentados, mais a defensa esgrimiu que a proba non era de abondo para sustentar unha condena.
No xuízo, rematado en xaneiro pasado, sóubose que dous policías que actuaran como testemuñas mentiran sobre como reuniron algunhas das probas forenses. O xuíz encargado do caso foi moi crítico neste senso e dixo que a Policía é culpábel "dun engano deliberado e calculado".