Socialistas e nacionalistas non se dan posto dacordo para mudar o rumbo dun recinto feiral que leva anos en crise.
A situación da Semana Verde de Galicia comeza a ser máis ca un problema para o bipartito. O principal escaparate do sector primario do país vive en coidados intensivos dende hai anos. A situación é tan delicada que as máis de 80 persoas que traballan nas instalacións coidan que a fundación pode entrar en suspensión de pagos nos vindeiros meses. Os propios operarios advirten que a creba aínda non se produciu grazas aos cartos que reportan as oposicións que a Xunta celebra a miúdo no recinto silledense.
A redefinición do macrorecinto é inaprazábel, logo de dous anos e medio no Goberno, socialistas e nacionalistas aínda non chegaron a un acordo para sacarlle rendibilidade a unhas instalacións que tiñan que servir de espello do sector agro-gandeiro e forestal. Os problemas arrástranse dende hai anos. Tal e como xa revelaramos, o anterior executivo do PPdeG gastou, con escaso criterio, máis de 60 millóns de euros só na década dos 90 en apoiar o recinto. Os representantes dos traballadores cren que é escandaloso os escasos mecanismos de control sobre o diñeiro público que se destinou á Semana Verde.
O bipartito atopou varios problemas ao chegar ao poder. Un é o sempiterno presidente da Semana Verde, Xosé Maril. Aínda que para moitos foi a 'alma mater' do proxecto durante anos, dende hai tempo é considerado un atranco para o mesmo. Maril, que cobra 105 mil euros brutos anuais, pode ter os meses contados. Logo de moito tempo gozando dunha blindaxe, dende finais de novembro depende do que decida o Padroado da Semana Verde, que ten 17 membros: 9 da Xunta; 5 a Asociación Feiral (controlada por Maril); 1 da Cámara de Comercio e outro en representación do Concello de Silleda.
Pero que impide que se endereite o rumbo?
Mais mentres o bipartito segue sen saber como abordar o problema, Maril busca xeitos de manterse na presidencia entrevistándose tanto con socialistas como con nacionalistas. A súa xogada política foi arriscada hai meses, o seu nome incluso chegou a sonar con forza como candidato á alcaldía de Silleda e tivo negociacións coa dirección dos socialistas pontevedreses. Finalmente, o PSdeG apostou por unha cara nova, Paula Fernández, que conseguiu acceder a unha alcaldía con tradición conservadora.
En teoría, a Xunta podería desfacerse de Xosé Maril e virar o barco da Semana Verde en calquera momento. Mais o problema é moito máis complexo e aféctalle directamente á Consellaría de Presidencia e á de Medio Rural. Aínda que o lóxico tería sido que o departamento de Suárez Canal tivera a última palabra, na praxe o de Méndez Romeu é o que mantén o peso específico. Dos nove representantes do Goberno na Semana Verde seis están relacionados con áreas socialistas e tres coas nacionalistas. O poder dos socialistas é aínda un pouco maior se se ten en conta que o Concello de Silleda, que posúe tamén un vocal, está gobernado polo PSdeG dende maio.
Negociación complicada
Mais o problema é tamén de fondo, o bipartito negociou hai xa dous anos e medio o reparto de responsabilidade de goberno. O lóxico é que os socialistas lle acaben cedendo a Medio Rural o protagonismo na Semana Verde. Mais no taboleiro político o PSdeG tamén quere algo a cambio desta cesión: o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SixPac), que pasaría a mans de Política Territorial. Os nacionalistas non están dispostos a negociar unha ferramenta crucial para levar adiante o Banco de Terras.
Mentres que non chegan solucións, os traballadores da Semana Verde seguen a dicir que en calquera momento poden quedar sen nómina, algo que nega o presidente. Este mércores celebraron eleccións sindicais. A CIG conseguiu a maioría absoluta dos votos e dous dos tres delegados. Unha das representantes desta central Maria do Carme Midón aseguráballe a Vieiros que, polas características do recinto, o lóxico sería que Medio Rural e Innovación e Industria tiveran máis que dicir no futuro da Semana Verde. Agora queda por ver se o bipartito vai ser capaz de reflotar un barco que leva máis dunha década afundindo, logo de tragar inxentes cantidades de diñeiro público.