A empresa galega está a desenvolver software para os novos trebellos móbiles de Nokia. Como mostra, o cliente de correo electrónico Modest.
Alberto García
Igalia, empresa galega especializada no desenvolvemento de solucións baseadas no software libre, acaba de facer pública a súa colaboración coa empresa finlandesa de telecomunicacións Nokia creando software para a súa nova xeración de dispositivos móbiles. O primeiro froito deste traballo é Modest, un cliente de correo electrónico especialmente deseñado para os Nokia N800 e N810, pero que funciona en calquera dispositivo que empregue o contorno de escritorio libre Gnome. Falamos con dous dos principais responsábeis deste traballo, os enxeñeiros informáticos Alberto García González e Sergio Villar Senín.
Antes de nada, como xurdiu a colaboración con Nokia para o desenvolvemento de software libre para dispositivos móbiles?
Alberto García: Basicamente a chave está en que tanto eles como nós estamos a participar no desenvolvemento do proxecto Gnome.
Nokia acaba de sacar ao mercado o N810, o terceiro nunha serie de dispositivos baseados en Maemo, que é unha plataforma de desenvolvemento aberta enfocada a dispositivos móbiles e pensada para ser usada tamén por outras compañías (como por exemplo está a facer a xente de Ubuntu que a están a usar para a súa distribución Ubuntu Mobile). Maemo é unha plataforma baseada en software libre, concretamente en Debian GNU/Linux e Gnome, e por tanto Nokia está a participar moi activamente nestas tecnoloxías.
Pola nosa parte, en Igalia levamos a apostar polo software libre e por Gnome en particular desde os inicios da empresa: ademais de varias contribucións a diversas partes de Gnome, publicamos xa hai máis de 4 anos o proxecto Fisterra (baseado nesta plataforma), colaboramos activamente en algunhas das conferencias máis relevantes, somos membros fundadores da iniciativa Gnome Mobile (GMAE) e tamén formamos parte do consello asesor da fundación Gnome. Con todo isto acabamos conseguindo establecer diversos contactos e logramos facernos un nome neste sector a nivel internacional.
No desenvolvemento dos grandes proxectos de software libre (caso de Gnome) participan moitas empresas e un enorme número de colaboradores voluntarios que están a traballar en cousas moi relacionadas e a remar na mesma dirección. Neste contexto é moi frecuente que se produzan sinerxias e que varios grupos de persoas acaben traballando xuntos en determinados momentos, como aconteceu no caso de Igalia e Nokia co proxecto Modest.
Canto tempo levan neste proxecto?
Sergio Villar: Hai máis ou menos un ano que empezamos a colaborar co proxecto Tinymail, o software que se encarga da xestión de protocolos de correo que emprega Modest, e por esas data comezou tamén o noso traballo en Modest.
Confían en crear no futuro máis programas para esta plataforma?
A. G.:A plataforma é totalmente aberta e nós temos experiencia nas tecnoloxías que se utilizan nela, así que todas as posibilidades están abertas. De feito recentemente publicamos o programa Vagalume, que é un reprodutor da radio online Last.fm desenvolvido totalmente por nós e deseñado para os Nokia N800 e N810. Trátase do primeiro software destas características para estes dispositivos (e talvez para dispositivos móbiles en xeral) e a verdade é que está a ter unha moi boa acollida.
S. V.: De feito é relativamente sinxelo crear aplicacións que poidan ser empregadas tanto na plataforma Maemo para dispositivos móbiles coma en Gnome nun contorno de escritorio cun PC corrente. Isto permítenos que o número de usuarios potenciais sexa elevadísimo. Isto leva consigo que o número de posibles contribuidores da comunidade sexa tamén moito máis amplo.
A. G.: E dous exemplos do que di Sergio son precisamente Modest e Vagalume, que non só funcionan nos dispositivos de Nokia senón que tamén se poden usar en PCs normais e correntes.
Que vantaxes ten o software de código aberto para a popularización desta nova xeración de móbiles?
S. V.: As vantaxes son as mesmas que ten o código aberto para calquera outra plataforma coma liberdade de uso e distribución, uso de estándares abertos, aforro por non ter que pagar licenzas, a posibilidade de modificar e adaptar os programas ás tuas necesidades ou a promoción da innovación tecnolóxica e do uso de tecnoloxías de vangarda.
A. G.: A min gustaríame salientar que o código non só é aberto senón que ademais é libre. Neste caso se Nokia por exemplo necesita facer algunha modificación nalgún dos compoñentes máis básicos da plataforma (Linux, Debian, Gnome) non depende do fabricante de turno senón que poden facelo eles mesmos en función das súas necesidades. E os desenvolvedores que queiran facer software para estes dispositivos teñen tamén moita máis liberdade á hora de usar a plataforma. Ademais, como comentamos antes, é sinxelo adaptar programas normais de PC baseados en Gnome para que funcionen nestes dispositivos. Isto pode facelo calquera e é posible grazas a que tanto os programas como a plataforma son libres.
Como cren que vai evolucionar a relación dos usuarios con Internet nos próximos anos? Xeralizaranse as conexións móbiles?
S. V.: Na miña opinión sen dúbida ningunha. Moitos expertos falan da "Ubiquitous computing" segundo a cal nun futuro próximo estaremos a empregar multitude de dispositivos conectados á rede sen ser practicamente conscientes diso xa que irán na nosa roupa, nos reloxos, nos electrodomésticos, etc. O software libre pode ter unha grande oportunidade con estes dispositivos xa que de cara interoperabilidade entre eles o uso de estándares abertos será fundamental.
Pode servir de exemplo o traballo de Igalia para outras empresas galegas?
A. G.: Pois sería estupendo, desde logo. Gustaríame ver máis empresas galegas a desenvolver software libre, tanto por filosofía como por cuestións de independencia tecnolóxica, aforro en licenzas e fomento do desenvolvemento local. Pero ademais é que estou convencido de que o mercado ao redor do software libre aínda ten moito por crecer, e posiblemente máis no campo concreto dos dispositivos móbiles. A aposta de Nokia é tal vez a máis relevante pero non é a única como demostra a recente aparición da plataforma Android, detrás da cal están empresas fortes como Google e Intel entre outras. O futuro é moi prometedor e aquí materia prima non nos falta: cada ano sae xente moi boa das universidades galegas e afortunadamente este é un campo no que con moi poucos cartos e infraestrutura xa se pode comezar a traballar.
S. V.: Si, tal e como di Berto a nós encantaríanos colaborar con outras empresas do país. O software libre precisa dun tecido empresarial que permita que a xente poida vivir do software libre, tal e como nós facemos, de xeito que as súas contribucións non queden reducidas ao que poidan facer no seu tempo de lecer. Referente a empresas grandes que están a apostar polo software libre tamén é mester falar de OpenMoko que tamén está a desenvolver unha arquitectura baseada en software libre para dispositivos móbiles.