Zapatero sinalou "dificultades técnicas, xurídicas e económicas".Rodríguez dixo que cumpría "salvar o espírito colectivo e a historia común do norte de Portugal e Galiza".
Os deputados do BNG escoitan a resposta de Zapatero, esta cuarta feira en Madrid
O presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, anunciou esta cuarta feira no Pleno do Congreso que estudará a posíbel emisión en Galiza de canles de televisión portuguesas en formato dixital, aínda que anunciou a súa dificultade, en resposta a unha pregunta do deputado do BNG Francisco Rodríguez.
O voceiro nacionalista reclamoulle un "multiplex adicional" para Galiza "por razóns lingüísticas e culturais", conforme ao estipulado na Carta Europea das Linguas Minoritarias. Ademais, Rodríguez sinalou a necesidade de "salvar o espírito colectivo e a historia común" do norte de Portugal e Galiza, que "até hai ben pouco eran o mesmo pobo".
No entanto, Zapatero sinalou que as "dificultades técnicas, xurídicas e económicas" poderían complicar esta concesión, e dixo que habería que agardar a futuros informes de tipo social e cultural que a posibiliten. Ademais, segundo o presidente español, Galiza xa conta cun multiplex para a televisión autonómica e solicitou un segundo para a emisión de catro canles privadas.
Nese senso, o dirixente español advertiu de que "non habería espazo radioeléctrico posíbel" para acoller máis canles de televisión. Xa que logo, dixo, habería que avaliara a superposición de ambas as dúas redes de difusión en zonas fronteirizas, o custo da infraestrutura e mais as dificultades dos dereitos de emisión e da xestión de publicidade.