Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
ASUMIU A PRESIDENTA ARXENTINA

Cristina Kirchner garantiu a continuidade do modelo

A muller de Néstor Kirchner recebiu o bastón de mando das máns do seu home, feito inédito na historia do país autral. No seu primeiro discurso que foi moi eloxiado, asegurou que a súa prioridade é o ensino e o pacto social. Crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 14:30 11/12/2007

A presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner ratificou este luns os eixos do modelo político, social e económico que iniciou o mandatario saínte (que é ademáis o seu home), Néstor Kirchner, e deixou en claro que o pacto social que propuxo durante a súa campaña vai máis aló dun acordo de prezos e salarios para controlar a inflación.

Ao falar ante a Asemblea Lexislativa, logo de prestar xuramento como presidenta, Cristina Fernández fixo fincapé en que o escenario onde asumía "é diferente ao de fai catro anos e medio e que o presidente que está sentado ao meu lado cambiou", afirmou. Nese marco, tivo unha definición estratéxica: "Pobo e Nación seguen máis vixentes que nunca en tempos de globalización".

Ao falar sobre o novo modelo económico que se puxo en marcha, a presidenta sostivo que "é un modelo que recoñece no traballo, a produción, a industria e o campo, a forza matriz para que millóns de arxentinos recupere o traballo e as ilusións".

"Creo que debemos superar ese tabú histórico sobre se o modelo é industria ou campo. Nun modelo de acumulación con inclusión social campo e industria teñen sinerxía", dixo. Nese sentido, remarcou que a súa proposta de pacto social formulada durante a campaña electoral "non é de prezos e salarios, non son xendarme da rendibilidade dos empresarios, nin parte de internas sindicais e políticas".

Dereitos Humáns e ensino
Ao referirse á xustiza, dixo que "saldamos unha débeda, dar unha Corte Suprema aos arxentinos que non nos avergoñase". De contado, abordou a política de dereitos humanos do goberno ao dicir que "derrubamos o muro da impunidade e decretado a anulación da obediencia debida e o punto final, achegamos á construción do sistema democrático". Nesa liña, engadiu que "nestes catro anos, estes xuízos que demoraron trinta anos poidan ser terminados.
A presidenta reivindicou o rol da escola pública "como eixo fundamental da transformación" e remarcou que esta permitiu "chegar a fillos de traballadores á presidencia", ao mencionar o seu caso e o do seu esposo. Referiuse ademais á inserción da Arxentina no mundo e respecto diso mencionou o acordo asinado onte en casa de Goberno polos presidentes de Bolivia, Ecuador, Brasil, Venezuela e Paraguai que xunto coa Arxentina deron nacemento ao Banco do Sur. "Esta é a nosa casa, América latina, que tamén teñen nome de muller", subliñou.

Avogou pola pronta incorporación de Venezuela ao Mercosur, e dirixíndose ao presidente uruguaio Tabaré Vázquez, recordoulle o conflicto con Arxentina pola pasteira de Botnia. "Quero dicirlle con toda sinceridade, que non vai ter un só xesto que afonde as diferenzas que temos, pero presentámonos na Corte da Haia porque se violou o tratado do río Uruguai. Este e non outro, é o conflito", dixo e agregou: "Saiban compatriotas de Uruguai que os sentimos os nosos irmáns, que non haxa dúbida".

Pedido por Betancourt
Cristina Fernandez engadiu a súa voz a unha queixa mundial por estes días: “Quero facerme eco do chamado do presidente Francia, para que colaboremos na negociación en canto a lograr liberación de Ingrid Bentacourt, cuxa nai acompáñanos”, dixo.

Tras reiterar que Arxentina comprometerá o seu esforzo para lograr a liberación de Ingrid Betancourt, prisioneira das FARC, fixou posición en "a necesidade imperiosa de reconstruír o multilateralismo. Un mundo unilateral é un mundo inseguro e inxusto".

Ministros para Cristina
Logo de falar, co bastón de mando e a banda presidencial sobre un vestido claro, percorreu nun coche a avenida Rivadavia dende o Congreso da Nación até a Casa Rosada. Alí, ocupou o despacho que foi o do seu home durante catro anos e medio e, de contado, tomou xuramento aos seus ministros.

No remate do día, dirixentes do oficialismo e da oposición eloxiaron pola súa "firmeza" e "alto contido político" o discurso pronunciado pola presidenta e varios sectores políticos, económicos e sociais aseguraron que teñen boas expectativas sobre o seu traballo.

Pola súa banda, o presidente sainte Néstor Kirchner acompañou á súa muller e ao radical Julio Cobos durante todo o primeiro día na presidencia e asegurou que chega “un tempo mellor" para os arxentinos coa asunción da súa dona. "Quero mandarlles un saúdo a todos os arxentinos e dicirlles que vén un tempo mellor", afirmou Kirchner á axencia de noticias Télam mentres se dirixía desde o Salón Branco de Casa de Goberno ao despacho de Cristina Fernández. Mentres era abrazado por funcionarios e invitados, o presidente saínte expresou que sentía "unha gran emoción".


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: