O presidente español recibirá este mércores ao vicepresidente galego na Moncloa.
Tal e como se comprometera logo do apoio do BNG á ministra de Fomento, o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, recibirá este mércores na Moncloa ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Na reunión, os dous líderes tratarán o xeito de acelerar as sete transferencias pactadas no seu día co daquela ministro de Administracións Pública, Jordi Sevilla, e que estiveron bloqueadas nos últimos meses. Logo de que os nacionalistas salvaran “in extremis” a cabeza política de Madgalena Álvarez, os socialistas decidían sacarlle o freo ás competencias, á vez que daban luz verde a un pago de 51 millóns, en concepto de débeda histórica, para os servizos sociais galegos.
Anxo Quintana sinalou este martes que acudirá á xuntanza con ánimo de manter un “diálogo construtivo”. O vicepresidente subliñou que o obxectivo prioritario é “avanzar no autogoberno”. O encontro prodúcese nunha data clave xa que o PSOE precisa ter maioría no Congreso para erguer o veto do Senado aos Presupostos Xerais do Estado. O BNG xa adiantou o seu apoio aos orzamentos.