Dende a formación nacionalista cren que no PSdeG teñen “celos” do “peso estatal” do Bloque.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, referiuse este venres ao apoio que o BNG lle prestou ao goberno español para evitar que o Congreso reprobase á ministra de Fomento, Magdalena Álvarez. Logo do Consello da Xunta, Touriño agradeceu publicamente que o Bloque “axudase co acto de sacrificio”. Para o presidente galego a actitude dos nacionalistas demostra a cohesión do bipartito. Diante das reiteradas preguntas dos xornalistas, Touriño negou que teña celos do movemento dos nacionalistas e que tampouco estea preocupado polo encontro que terán en breve Rodríguez Zapatero e Anxo Quintana.
O máximo dirixente dos socialistas galegos tamén relevou que estivo informado en todo momento das negociacións entre o executivo español e o BNG para axilizar o traspaso de competencias a cambio do apoio a Magdalena Álvarez. Nese sentido, Touriño quixo marcar o seu propio terreo político ao aformar que soubo das negociacións antes de que comezaran e que este mesmo xoves falou telefonicamente con Zapatero.
Case ao mesmo tempo que Touriño intentaba restarlle trascendencia as negociacións dos nacionalistas co executivo estatal, o coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, mandáballe un aviso aos socialistas: “os celos, na política e na vida, nunca foron bos”. Mais Jorquera aínda foi máis aló ao dicir que “se confundirían” os socialistas galegos se tratan de minimizar os froitos do pacto.
Acción e reacción
As horas posteriores ao acordo entre o BNG e o goberno de Zapatero foron frenéticas en Galiza. Dende a organización frontista traballaron arreo para difundir os logros do pacto entre a opinión pública. O primeiro en tratar de minimizar os resultados obtidos foi o propio secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela, que asegurou que as contrapartidas conseguidas polos nacionalistas “non modificarán a folla de ruta” do bipartito en relación coas competencias.
Mais o certo é que o acordo dos nacionalistas con Zapatero estabelece datas concretas para o desbloqueo das negociacións e un compromiso de que se pechen algunhas transferencias antes das eleccións xerais de marzo. Non menos importante, dentro das tácticas políticas dos dous partidos, é o feito de que Zapatero acceda a recibir a Quintana en Madrid a menos de tres meses dos mesmos comicios, algo que os socialistas galegos coidaban que non ía acontecer.