O buque Hebei Spirit verteu máis de 10 mil toneladas de petróleo. Desde o goberno a catástrofe foi cualificada como "a peor marea negra" na historia do país.
A praia de Kkotji, un dos contornos naturais próximos
Até unha ducia de quilómetros chegaría xa a lonxitude da mancha de petróleo que aboia nunha zona de costa a uns 90 km ao suroeste da capital de Corea do Sur, Seúl. Os equipos de emerxencia traballan na instalación de barreiras de contención toda vez que afrouxou o vento que complicaba as tarefas de urxencia. O dispositivo de emerxencia inclúe arredor de medio cento de barcos e alén do despregue dos freos ao fuel incorpora a diseminación de produtos destinados a disolver os hidrocarburos.
Así e todo, o que xa é considerado coma o maior desastre deste tipo en Corea do Sur, afectoulle xa á reserva natural próxima, nas costas de Taean, zona protexida coma parque natural nacional que tamén conta con praias turísticas. O goberno teme tamén que nos próximos días a contaminación poida estenderse até unha área onde se localizan importantes granxas mariñas.
Estímase que os tanques do Hebei Spirit conteñen arredor de 15 mil toneladas de petróleo e que cando menos as dúas terceiras partes xa se verteron ao mar. A catástrofe iniciouse cando unha barcaza de transporte bateu con este buque cisterna.