Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Antes de aprobar o Plan de Xestión do Lobo

A Xunta autoriza batidas contra os lobos en Muras

Despois das numerosas queixas dos gandeiros do concello lugués, a Consellaría de Medio Ambiente permítelles a estes, e mais aos cazadores, matar os cánidos dun xeito controlado.

Redacción - 19:35 05/12/2007
Un lobo a piques de atacar / Flickr: torrelodones

Un lobo a piques de atacar / Flickr: torrelodones

Na cuarta feira o delegado provincial da Consellaría de Medio Ambiente, Eduardo Vidal, xuntouse cos veciños de Muras na sala de plenos do Concello para trasladarlles o visto e prace da Xunta para que comecen a organizar xa as batidas contra os lobos.

Despois de constataren os danos elevados, (segundo lle contou a Vieiros o departamento de comunicación da Consellería houbo danos continuos e reiterados sobre o gando), Vidal dixo ter os datos suficientes (até o 30 de setembro recolléronse 13 avisos de danos en Muras, que foron indemnizados con 1.439 euros) como para autorizar a caza da especie da que, salientou, se teñen que responsabilizar tanto os damnificados como as sociedades de cazadores da zona.

Cómpre lembrar que Muras é un concello co 35% do seu territorio inserido na Rede Natura 2000, cousa que o seu alcalde, Isam Alnagm (PPdeG) xa ten lamentado en varias ocasións, e que desta volta volveu lembrar, cualificando o feito de estar na rede Natura como "fiscalización do territorio".

Quen controla a poboación de lobos en Galiza?
Desta volta autorízase a batida porque, segundo contan dende Medio Ambiente, "dedúcese que hai moitos máis lobos na zona", mais é a Xunta quen leva o control dos lobos no país, e quen ten os datos absolutos.

Nestes días estase a revisar o Plan de Xestión do Lobo en Galiza, elaborado polo Goberno en ben pouco consenso con algunhas das asociacións ecoloxistas do país.

Coincidindo co anuncio do comezo das batidas en Muras, ADEGA e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Información Ambiental de Galiza) presentaban, en conferencia de prensa esta quinta feira, unha súa campaña divulgativa para dar a coñecer a realidade ambiental e social do lobo en Galiza. O Plan de Xestión do Lobo, de se aprobar tal cal está, podería consolidar o estatus cinexético da especie, cousa contraria ao que desexan estas dúas organizacións, que se xuntaron para chamar a atención da sociedade sobre a necesidade de garantir a conservación do cánido, que tamén forma parte do noso patrimonio natural.

O medo ao descoñecido
Con esta campaña, segundo lle contou a Vieiros Xosé Salvadores, vogal de Diversidade Natural de ADEGA, quérese terminar coa "mala prensa" que o lobo ten entre a xente do medio rural (sempre aparece nos medios de comunicación vencellado aos ataques e ás perdas na cabana gandeira) e informar da súa preocupante situación, tentando promover actitudes de respecto e conservación. Na sociedade galega está moi pouco aceptado que o lobo existe, segundo conta Xosé Salvadores, e son necesarias campañas como esta que promovan a sensibilización da xente do medio rural e erradiquen os preconceptos que hai co lobo.

O lobo é unha especie cinexética en Galiza, e segundo Salvadores, cando hai moita tensión, cando ataca varias veces o gando nas aldeas, case sempre se chega a organizar batidas. Segundo o representante de ADEGA, as batidas están contempladas no plan pendente de aprobación, mais organizadas polos cazadores. Esta é unha das reclamas dos ecoloxistas, que sexan os técnicos de Medio Ambiente os que constaten se hai que saír ou non a matar lobos. Ademais tamén pensan que é necesario que o plan contemple algunhas axudas para compensar aos gandeiros cuxo gando sexa atacado polo lobo, mais tamén para subvencionar as prácticas que favorezan a biodiversidade no agro.

A situación do lobo en Galiza
Os lobos en Galiza están, segundo Xosé Salvadores, "nunha situación delicada, comprometida e chea de ameazas que lles afectan", entre elas a creación de infraestruturas como os parques eólicos ou as liñas de alta velocidade e as estradas, que de xeito forzoso afectan aos animais.

Salvadores tamén apunta á eliminación dos grandes herbívoros, como o cervo ou o rebeco, (que eran as presas principais dos lobos), a prohibición de abandonar os restos de animais mortos no monte e á difuminación da gandería extensiva como outras das ameazas latentes da desaparición do lobo.

Ao preguntarlle se é por isto, pola desaparición dos seus principais sustentos, polo que o lobo baixa comer ás aldeas, Xosé Salvadores lembra que o lobo sempre estivo a carón das casas e que de feito este ano houbo ben poucos ataques ao gando, menos que outros anos, aínda que se as aparicións dos lobos para matar o gando son reiteradas, hai que controlalas. "Se falas cos máis vellos, que levan toda a vida pastoreando, todos lembran como se lles achegaba algún lobo, tentando roubarlle algunha cabeza de gando".

No caso de Muras, Salvadores quixo lembrar que estar na Rede Natura 2000 "non é desgraza nin maldición como pensa o alcalde. É unha oportunidade que non souberon explotar para sacar o concello do illamento e do atraso... Hoxe a natureza vende!".


4/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: