Esta semana publicouse 120 capadores, o álbum no que máis de vinte bandas galegas homenaxean a Diplomáticos de Montealto
Xosé Manuel Pereiro dixo que "O bravú foi un chute nacional de autoestima emocional e de ansia musical". Saiu con forza, en 1994, coma un foguete das festas, e coma un foguete elevouse até o ceo, escoitándose o seu son en toda Galiza. Foi un movemento que marcou a toda unha xeración, que rescatou á música galega dun período (finais dos oitenta, comezos dos noventa) de certa parálise. "O bravú durou o que tiña que durar", como dixo Xavier Valiño na mesa redonda celebrada no mes de outubro en Chantada, no marco do Castañazo Rock, pero necesitaba ser lembrado, analizado, reivindicado. En primeiro lugar para valorar a súa importancia real na historia recente (e futura) da música galega, e tamén para que as novas xeracións coñecesen a bandas como Rastreros, Skornabois ou Diplomáticos.
Dende esta semana pode adquirirse na rede (atrastenda.com), e a partir do luns nas tendas de música 120 capadores, o álbum de homenaxe a Diplomáticos de Montealto, unha iniciativa de Komunikando.net, Falcatruada e do Centro Social Atreu, que foi presentada no propio Castañazo Rock. No álbum, un disco dobre, participan Pulpiño Viascón, Zënzar, A Matraca Perversa, Banda Potemkim, Festicultores, Ruxe-Ruxe, Os Rastreros, Galegoz, Safari Orquestra, O Sonoro Maxín, A Compañía do Ruído, Cuchufellos, Dixebra, Nao, Trapalhada, 3trebóns, Uli Jarbanzo, Sonora Callejera, Taru e os páxaros coiro, Transportes Hernández y Sanjurjo, Lamatumbá, Estridentes e Cenk. Ademais, inclúe catro temas inéditos dos Diplomáticos ao vivo.