Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
O COMBINADO NACIONAL MÍDESE con CAMERÚN E CATALUÑA

As camisolas que defenderán a Galiza en Balaídos xa teñen nomes

Os seleccionadores nacionais Arsenio Iglesias, Fernando Vázquez e Pilar Neira deron a coñecer os seus equipos para o partido do día 27.

Redacción - 20:01 04/12/2007

Esta terza feira en Balaídos xuntáronse os tres seleccionadores nacionais; (Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez, da selección de fútbol absoluta masculina; e Pilar Neira, da selección absoluta feminina) para presentar a listaxe de convocados e convocadas para xogar o día 27 ante Camerún (os homes) e Cataluña (as mulleres).

A listaxe dos homes
Descrita como continuísta e aberta polos seleccionadores, a listaxe de convocados para o partido fronte Camerún ten como grandes novidades os nomes de Queco, Piscu e Sito, (aínda que este último xa foi convocado en anteriores ocasións pero non lle deixaron xogar). Xogadores como Míchel Salgado (Real Madrid), Viqueira (Levante), Couñago (Ipswich Town) ou Nacho Novo (Glasgow Rangers), Rubén (Celta), Borja Fernández (Valladolid) ou Diego López (Vilareal) teñen o seu sitio asegurado, se os seus compromisos cos seus equipos non lles impide estar en Vigo o día 27 (sobre todo os que xogan en equipos de fóra do estado, que non descansan no Nadal).

Na presentación tamén houbo un momento para valorar a selección rival, e Arsenio dixo que a camerunesa "é unha selección poderosa que ademais chega nunhas circunstancias especiais, porque vai preparar a Copa de África. Conta con xogadores magníficos, cunha gran forma física e unha moi boa técnica, así que será un rival moi difícil". Vázquez, polo seu lado, lembrou que Balaídos é un moi bo campo para que xogue Galiza e manifestou a súa confianza en ter moita xente dando azos ao equipo o vindeiro 27 de decembro.

A listaxe das mulleres
Neira inclúe na súa listaxe a xogadoras a varias que agora mesmo compiten en Galiza (no Olivo, Friol, Pontevedra, Atlético Muralla, Galicia Gaiteira, Xuventú Aguiño, Val do Ulla, Unión Guardesa, Boiro, Bertola e Atlético Arousana), mais tamén contou con sete xogadoras que neste momento forman parte de equipos da Superliga (a primeira estatal), como Ángela Rodríguez (Rayo Vallecano); Leticia Carballar, Joana Montouto, Verónica Boquete ou Rosario Ramos (Transportes Alcaine); Míriam Domínguez (Oviedo Moderno); e Mari Paz Vilas (Levante).

A seleccionadora nacional explicou que as xogadoras, coa excepción das que participan na Superliga, van realizar dous adestramentos e, despois deste traballo en equipo, terá que facer a convocatoria definitiva.

Neira asegurou, ao terminar a conferencia de prensa: "non teño medo a Cataluña a pesar de que nos levan moitos anos de vantaxe no traballo".

Entradas á venda
Dende o venres pasado, xa é posible facer reserva de entradas para grupos para asistir aos partidos das Seleccións Galegas en Balaídos, a través da web do Deporte Galego.

O prazo para a venda individual de entradas abrirase o vindeiro día 14, a través da web de Caixanova.


Documentos

5/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os tres seleccionadores nacionais, xuntos na presentación dos convocados e das convocadas para o 27-D
Os tres seleccionadores nacionais, xuntos na presentación dos convocados e das convocadas para o 27-D
Unha imaxe do partido contra Uruguai, o primeiro de Galiza en Compostela
Unha imaxe do partido contra Uruguai, o primeiro de Galiza en Compostela
O ambiente nas bancadas do Galiza-Uruguai, o primeiro, hai dous anos
O ambiente nas bancadas do Galiza-Uruguai, o primeiro, hai dous anos