Na tarde da sexta feira presentouse na Dirección Xeral para o Deporte a Pili Neira, que estará á fronte do primeiro combinado nacional feminino da historia do deporte galego.
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e máis o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana, presentaron na tarde da sexta feira a Pili Neira como adestradora do combinado nacional feminino de fútbol que se estreará en Balaídos o 27 de decembro.
A Galiza das mulleres: "un feito histórico"
A creación da Selección Nacional Feminina é, segundo palabras de Marta Souto, "un feito histórico que hoxe coñece o nome da súa primeira seleccionadora".
Durante a presentación, Souto gabou a traxectoria de Pilar Neira (quen destaca no balonmán e máis no fútbol) e destacou que "a selección feminina nacional vén a dar pasos firmes neste camiño que estamos percorrendo cara a igualdade no deporte, poñendo en valor o traballo de moitos equipos femininos e de moitas persoas que fan posible que hoxe o fútbol feminino teña un lugar e unha hora".
Pili Neira, emocionada
Na súa emocionada intervención na rolda de prensa, a seleccionadora do fútbol feminino nacional manifestou sentirse "en débeda coa Dirección Xeral para o Deporte e coa Federación de Fútbol" por tela escollido para desenvolver este primeiro proxecto histórico, mais asegurou que "vou dar de min todo o que poida para que saia o mellor posible".
Unha longa experiencia
Pilar Neira ten no seu haber dous campionatos de España como xogadora de fútbol nas filas do Karbo, onde xogou dende a tempada 76-77 ata a 81-82. Tamén co Karbo, Neira participou en dous torneos Cinco Nacións, acadando o subcampionato en Orleáns (Francia). Mais un dos momentos que lembra con maior cariño a nova seleccionadora é o Campionato de España de seleccións territoriais que gañou con Galiza na tempada 84-85 xogando no Camp Nou.
Despois da súa traxectoria como xogadora de fútbol, Pilar Neira incorporouse ao mundo do balonmán, onde xogou dende o 78 até o 92, no Español de Santa Lucía -en división de honor en 1ª nacional-, e posteriormente no Balonmán Coruña, onde despois desempeñou tamén o cargo de delegada de campo.
A súa traxectoria como adestradora vén marcada por ser unha das catro primeiras mulleres do Estado que obtivo o título para adestrar, no ano 80. Pouco despois adestraría ao Orzán, Imperator, Capela Fútbol Sala, Breogán Fútbol Sala e Riazor Fútbol Sala, ata a tempada 2001-2002, acumulando no seu palmarés tres campionatos de España e catro campionatos galegos.
Na actualidade, Pilar Neira é vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán e adestradora do equipo feminino de fútbol do Orzán.