Este luns comeza a 13ª Conferencia de Nacións Unidas sobre Cambio Climático que sentará as bases dun novo protocolo para a comunidade internacional. Os expertos alertan do crecemento do 'cinto tropical'.
Yvo de Boer, secretario executivo da UNFCCC
Delegados e científicos de todo o mundo abriron este luns a 13ª Conferencia de Nacións Unidas sobre Cambio Climático, en Bali (Indonesia), coa esperanza de elaborar unha folla de ruta para un acordo futuro, que se podería asinar en 2009, e que prepararía as bases definitivas para a anovación do Protocolo de Quioto de 1997.
O secretario executivo da Convención sobre Cambio Climático no Marco de Nacións Unidas (UNFCCC, nas súas siglas en inglés -creada en 1992), Yvo de Boer, afirmou que "por unha banda temos un claro sinal da comunidade científica que nos indica o que se debe facer e que se debe facer agora". "A miña pregunta para todos os ministros que se desprazaron até aquí é: Cal vai ser a vosa resposta?", sinalou.
Ademais, de Boer advertiu de que o fracaso do encontro suporía "a perda da fe" na capacidade de Nacións Unidas "para abordar o proceso".
Os Trópicos avanzan cara aos Polos
Por outra banda, no xornal inglés The Independent fanse eco dun informe científico publicado este luns onde se chama a atención sobre o crecemento do 'cinto tropical' (o espazo terrestre comprendido entre os dous Trópicos) cara ao norte e cara ao sur.
Os expertos descubriron que, nos últimos 25 anos, a rexión ecuatorial se estendeu ao redor de 172 millas, ou o que é o mesmo, uns 8,5 millóns de metros cadrados máis con respecto a 1980 teñen agora clima tropical.