Critican que se volva á normalidade nas tarefas sen que se produza unha investigación en profundidade logo da morte dun obreiro.
Xosé Ramón Fernández Maza, veciño de Oleiros, é o cuarto traballador que morre nas obras do porto exterior da Coruña. Poucas horas despois de recibir sepultura, Inspección de Traballo daba luz verde para que se comezaran de novo as obras, que estaban paralizadas logo de que unha inspección detectara graves fallos na prevención de riscos. A decisión foi duramente criticada polos sindicatos, especialmente pola CIG. Os representantes dos traballadores consideran que a paralización temporal foi un xesto cara a galería e que os problemas persisten.
Traballadores das empresas subcontratadas nas obras de Punta Langosteira sinalan que reciben presións para non denunciar os riscos aos que están expostos. Dende a central nacionalista aseguráronlle que o problema principal é que “aquí o único que prevalece é o ritmo da obra”. Neste sentido, os propios informes da Inspección de Traballo revelaban xornadas diarias de traballo de dez horas e media. Mais fontes sindicais lembran que hai casos de operarios que tamén teñen xornada os sábados, o que fai que algún chegue a xornadas laborais de 60 horas.
Paulo Carril, dirixente da CIG na bisbarra da Coruña, sinaloulle a Vieiros que é especialmente grave que as obras do porto exterior xa teñan custado catro vidas. Para Carril, o que ocorre na Coruña é extrapolábel ao que está a acontecer en moitas obras públicas, como o caso do Tren de Alta Velociade.