O presidente Evo Morales asina a Renda Universal e Vitalicia de Vellez, para maiores de 60 anos, namentres a oposición paraba en protesta polo proxecto de Constitución.
Evo Morales, co texto da lei na man, este mércores
O presidente de Bolivia, Evo Morales, promulgou este mércores a Lei de Renda Universal e Vitalicia de Vellez, que outorgará unha axuda mensual de 200 bolivianos (uns 20 euros) para as persoas maiores de 60 anos, máis de 676.000 en todo o país.
Morales dixo que a nova lei, do mesmo xeito que o bono escolar 'Juancito Pinto' (que outorga a mesma cantidade a estudantes de primeiro a sexto de primaria), formará parte da nova Constitución, para que ningún goberno deixe de pagar eses recursos.
Ademais, declarou o 28 de novembro como Día da Xustiza Social, e anunciou unha grande marcha indíxena para o 14 ou 15 de decembro, para celebrar a aprobación dunha nova Constitución.
"Folga de ricos"
Precisamente os gobernadores e líderes opositores, chamaron a realizar paros de protesta este mesmo mércores en contra do proxecto de Carta Magna. Seis dos nove departamentos de Bolivia víronse afectados, mais sen incidentes de gravidade.
Ao respecto desta mobilización, o presidente Evo Morales dixo que se trataba dunha "folga de ricos".