A Xunta pediralle ao Estado unha reforma lexislativa que garanta o dereito das nais a decidiren "libre e voluntariamente".
O Parlamento aprobou esta cuarta feira, cos votos en contra do PPdeG, unha iniciativa en que se lle pide á Xunta que se dirixa ao Estado para abordar unha reforma lexislativa que garanta o dereito das mulleres a decidir "libre e voluntariamente" ao respecto da interrupción do seu embarazo.
A proposición non de lei, presentada polo BNG e emendada polo PSdeG, pide que a norma garanta este dereito "en todos os centros hospitalarios da rede sanitaria pública, efectuada con todas as garantías, de maneira que se preserve a saúde sexual e reprodutiva das mulleres, singularmente das mozas e inmigrantes, coas accións oportunas".
A iniciativa aprobada finalmente non recolle algunhas das partes da proposta do BNG que a súa deputada Ana Pontón considerara fundamentais, tal como que a interrupción do embarazo se puidese efectuar "até as 16 primeiras semanas de xestación" ou que os "motivos de obxección de conciencia" non puidesen impedir o dereito das mulleres.
Intervencións das deputadas
"Se nós parimos, nós decidimos", resaltou a parlamentaria do BNG na súa intervención, en que advertiu de que a decisión de continuar ou non cun embarazo é "íntima e persoal", e de que o papel das administracións "non é xulgar, senón respectar" esas decisións. "Os poderes públicos non deben estar para controlar a moral", concluíu.
Pola súa banda, a deputada socialista Laura Seara recoñeceu que a actual lexislación sobre o aborto "é insuficiente" e apuntou que no ano 2005 se rexistraron en Galiza un total de 2.225 interrupcións voluntarias do embarazo. A popular Susana López Abella cualificou de "electoralista" a proposición do BNG, e preguntouse por que non a presentou no parlamento español.