Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conferencia de Paz

Annapolis: do optimismo dos participantes ao pesimismo das voces críticas

Este martes comeza oficialmente un encontro crucial para definir o futuro de Oriente Próximo.

Axencias / Redacción - 09:45 27/11/2007
Olmert e Abbas, este luns en Washington

Olmert e Abbas, este luns en Washington

Case sesenta anos despois do estalido do conflito entre israelís e palestinos, a conferencia que este martes ten lugar en Annapolis (Maryland, EUA) supón a derradeira oportunidade para os seus participantes á hora de alcanzar un acordo de paz duradeiro.

A idea da 'derradeira oportunidade' sempre estivo presente en cada reunión de alto nivel entre ambas as partes, mais desta volta os analistas coidan que a Iniciativa de Paz Árabe, presentada en 2002, non vai ter máis novas opcións.

Porén, malia o compromiso árabe sen precedentes demostrado coa incorporación a última hora de Siria e a vontade do primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, e do presidente palestino, Mahmud Abbas, as voces críticas poden impedir un acordo global.

Rol estadounidense

Estados Unidos, que auspicia o encontro e que manifestou a súa intención de non interferir no resultado final, realizou esforzos para a publicación dunha declaración previa conxunta antes do inicio oficial da reunión.

En Washington, Abbas, Olmert e o presidente estadounidense, George Bush, expresaron este luns o seu desexo de que finalmente se alcance a paz en Oriente Próximo. Tanto o líder palestino como o israelí mantiveron sendas reunións individuais con Bush na Casa Branca.

Este último sinalou que é "optimista". Tras conversar en privado co presidente palestino, comunicoulle: "Queremos axudarvos, queremos que alí haxa paz, queremos que a xente dos territorios palestinos teña esperanza".

Significativa presencia de Siria
As autoridades estadounidenses confían en que Annapolis permita apartar a Siria da súa alianza con Irán e os grupos islamitas de Hamás e Hezbolá, aínda que Siria decidiu avanzar con cautela e sopesar as posíbeis concesións pola súa participación na cimeira.

Neste senso, Hamás lamentou este luns nun comunicado a "rápida" incorporación de Siria e outros países da Liga Árabe á xuntanza, cualificada de "farsa" polo grupo, e advertiulle ao presidente palestino, Mahmud Abbas, de "non pór en perigo as constantes nacionais palestinas", tal como o status da cidade de Xerusalén.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: