En dez minutos , o vídeo “Ferrol polo mar e a vida” mostra as causas das denuncias que o pobo ferrolán vén facendo contra a planta de gas de Reganosa
A loita ecolóxica en contra da invasión da ría continúa, e neste caso faino de xeito audiovisual mediante o vídeo Ferrol, polo mar e a vida. Este traballo, elaborado pola Asociación Cultural Fuco Buxán e a organización ACSUR de cooperación internacional, acaba de recibir o accésit de vídeo curto no festival sobre Vídeo Diversidade, organizado por Ecoloxistas en Acción.
O vídeo xurdiu como resultado dun curso organizado por ACSUR, a Asociación Fuco Buxán e o Ministerio de Asuntos Exteriores no IES Carballo Calero de Caranza e no Centro Cultural do mesmo nome, co obxectivo de impartir nocións sobre o uso e manexo do vídeo dixital. Mais as circunstancias superaron a finalidade inicial, convertendo o proxecto nun medio para dar a coñecer internacionalmente o grave problema ecolóxico que está a sufrir a ría de Ferrol.
O guión, selección de actores, financiamento e composición correu a cargo dos participantes no curso, que deron como resultado un produto audiovisual de dez minutos no que se pode ver a viaxe dun barco dende o interior da angosta ría de Ferrol cara ao mar aberto, protagonizado por Carmelo Teixeiro. Segundo explicou Manuel Cendán, membro da Área de Movementos Sociais da Asociación Fuco Buxán, o vídeo mostra as dificultades que o gaseiro atopa á hora de cumprir a normativa vixente sobre a protección do patrimonio, e a imposibilidade de Reganosa para facer transitar estes barcos até a súa planta industrial.
Proxección internacional
A curta está é unha colaboración de ACSUR - Las Segovias e Fuco Buxán con dúas asociacións bolivianas: O Centro de Información de Bolivia e a Casa Wayna Tambo, que teñen como temas comúns a sostenibilidade ambiental. Polo que terá unha proxección ao longo de hispanoamérica, na rede e en diversos formatos é de balde, xa que ten o selo Creative Commons. O vídeo estrearase o vindeiro 18 de decembro, para posteriormente ser distribuído en formato DVD en países de Europa e Hispanoamérica, xunto con outras curtas sobre as distintas problemáticas sociais.
Para Manuel Cendrán, o premio entregado por Ecoloxistas en Acción ten un dobre aliciente, por un lado é un “apoio á loita que esa levando o Comité Cidadán a favor da loita contra unha fábrica ilegal”, mentres que polo outro lado “recoñece o traballo que desenvolveu a xente durante o tempo no que se realizou o vídeo”.