Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Hai dous anos elixiran o "flamenco"

De costas á proposta galego-portuguesa, Madrid opta pola "dieta mediterránea"

Lisboa parece de momento o camiño máis curto para que o patrimonio inmaterial galego-portugués entre na lista da Unesco. Pola parte de Madrid, os ministerios de Cultura e o de Agricultura escollen liderar a iniciativa a prol da "dieta mediterránea".

Redacción - 09:00 21/11/2007

Non pesou de momento a orixe galega nos dous ministerios que son chave para o pulo á proposta en favor do patrimonio inmaterial galego-portugués. Paradoxalmente, o departamento encabezado polo coruñés César Antonio Molina, á fronte do Ministerio de Cultura, e pola ourensá Elena Espinosa, á fronte do Ministerio de Agricultura, amosáronse escasamente receptivos ás demandas que a este respecto lles chegaron desde Galiza.

Desde Ponte nas Ondas recórdanlle ao executivo estatal que non son candidaturas excluíntes. Xa que logo, no caso de propostas que abranguen a diferentes Estados, a Unesco non estabelece límite á hora de achegar candidaturas. É por iso que a iniciativa galego-portuguesa podería contar coa beizón do goberno español sen necesidade de que renunciasen ao impulso da candidatura da dieta mediterránea. Con todo, como xa acontecera hai dous anos, parece ser que o goberno portugués será o camiño máis doado para atender esta demanda.

Cultura e Agricultura miran ao Mediterráneo
Hai xa meses que a propia ministra Espinosa participou en actos do Padroado da Fundación Dieta Mediterránea, onde se pronunciou en favor de levar esta proposta á lista de patrimonio inmaterial da Unesco e se comprometeu ao fomento do estudo, investigación e difusión do "acervo milenario" que na súa opinión representa a dieta mediterránea. O ministerio apoiou unha declaración expresa onde se destaca o papel da dieta mediterránea como "patrimonio vivo" e se fala do seu protagonismo nese área xeográfica á hora de inxectar "sentimento de identidade".

Antes xa privilexiaran o flamenco
Hai dous anos, a daquela ministra de Cultura, Carmen Calvo, xa tratara con indiferencia a proposta galego-portuguesa, limitándose a apoiar diante da Unesco a candidatura en defensa do flamenco, da que ela mesma iniciara a promoción cando formaba parte da Junta de Andalucía. Así, e malia que daquela o propio Congreso fóra en Madrid escenario dunha declaración oficial onde se instaba ao goberno español a apoiar o impulso da candidatura galego-portuguesa, os requirimentos que desde Galiza e Portugal chegaban até os ministerios encontrábanse co silencio da administración estatal.


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: