A Unesco abriu novamente o proceso para a declaración de obras mestras da humanidade. Escolas galegas e portuguesas protagonizan outra vez a loita polo recoñecemento ao patrimonio inmaterial galego-portugués.
"Hai dous anos case o conseguimos", lembran desde o colectivo Ponte nas Ondas. Daquela a Unesco xa recomendara seguir no impulso da candidatura para unha posterior oportunidade. E desta volta ábrese o camiño para ela. O patrimonio inmaterial galego-portugués pode, "como merece", ser recoñecido internacionalmente.
Desde a asociación lembran que coa entrada en vigor da Convención do Patrimonio Inmaterial, a Unesco estabeleceu que só os Estados poidan inscribir as súas propostas para a proclamación de Obra Mestra da Humanidade. O prazo de presentación de candidaturas para a lista indicativa abriuse xa no mes de setembro, e as novas inscricións serán publicadas no outono de 2009. Desde Ponte nas Ondas turran xa para que os gobernos español e portugués "non deixen pasar esta nova oportunidade".
"É un deber das presentes xeracións non crebar o elo da cadea que lles corresponde no devir histórico e transmitírenlle aos seus herdeiros a cultura recibida dos antepasados, modificada e adaptada, sen pretender impor formas antigas de vida, máis polo contrario, divulgándoa para que poida ser recriada e así recibir novo alento", expón a campaña. "Un patrimonio para o futuro da Eurorrexión!".