O simposio internacional organizado polo Club Internacional de Prensa, levará o tema da pobreza a Ourense, Lugo, Pontevedra e Compostela na súa penúltima semana.
Este martes o simposio Pobre Mundo Rico , organizado polo CIP, inaugura a súa penúltima semana en Pontevedra, onde o presidente da Asociación Xustiza e Paz, Acadi Olivares, falará sobre As inxustas relacións Norte-Sur como responsables da pobreza, na sede do Centro Social de Caixanova. Posteriormente debaterase sobre A educación: un deber por dereito nunha mesa debate na que participan Lucia Rodríguez, pola Fundación Entreculturas; a vicedirectora do Igadi, Virxinia Romero; e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios.
As sesións continúan ao día seguinte em Lugo, onde Xosé Manuel Beiras tratará o tema da Miseria da Globalización. Nesta xornada tamén se achegará a realidade dos homes e mulleres traballadores do campo en Brasil e Ecuador, de man de Mercedes Santana, en representación da Fundación Maquita Conshunchic Comercializando Como Hermanos, e de Idalice Rodriguez, da Coordinadora Nacional do Movemento de Traballadores Rurais sen Terra de Brasil. Esta charla que leva o título de Cultivar contra a pobreza, tamén poderá escoitarse o venres 23 en Ourense.
O director do Centro de Estudos para America Latina e a Cooperación Internacional (CeALCI), Ignaci Sotelo, analizará o xoves en Compostela a eficacia da nova axenda de cooperación internacional na loita contra a pobreza, mentres que na mesa debate Consumo Derroche, Xoán Hermida, da ONG Amarante, Isidro Jiménez, da organización ConsumeHastaMorir e Clara Raposo, da Cova da Terra, mostrarán as consecuencias do consumismo qie invade os países do norte.
Continúa o Cinema contra a pobreza
Pontevedra programa para este luns 19 as proxeccións do documental brasileiro Escola Pública e o capítulo La larga noche de los 500 añosi, da serie documental de TVE Voces contra a Globalización, mentres que o martes en Lugo pasarase a curta brasileira Patmos e o documental do director Miguel Barros Os sen terra, baseado no Movemento de Traballadores ruralistas do Brasil. Xa o mércores, Compostela acolle o documental ConsumeHastaMorir realizado pola ONG Ecoloxistas en Acción e a curta de ficción A historia secreta do Telemarketing, que describe o xurdimento deste sector da comunicación dirixido ao consumo.