Nome pomposo para o novo experimento, dentro do cal se disolverá a súa actual formación, Forza Italia.
Algúns dos sectores máis á dereita do espectro político italiano son de momento os únicos compañeiros de viaxe de Berlusconi nesta nova alianza política. O empresario pretendería con esta estratexia ampliar a xa alta cota que Forza Italia tiña entre o electorado conservador, por riba do 21% nos últimos comicios. O ex primeiro ministro chamou ao resto de potenciais aliados a non excluírense desta "nova criatura" que na súa opinión "será a protagonista da democracia nos próximos decenios".
Máis que pola creación de alternativa fronte ao actual goberno da esquerda liderado por Romano Prodi, a estratexia inmediata de Silvio Berlusconi pretendería con este paso erosionar as febles filas da dereita e concentrar o voto conservador nas súas mans. A decisión chega de feito nun momento de duro enfrontamento cos seus principais aliados, Gianfranco Fini, da Alianza Nacional, e Pier Ferdinando Casini, dos democristianos da UDC. "Aquí nace un gran partido, aberto a todos e contra a vella política", teimaba Berlusconi, megáfono en man, nunha praza de Milán. A súa estratexia de presión inclúe a insistente petición na convocatoria de eleccións anticipadas, comicios nos que conta con reunir o voto da dereita.