O actual presidente de EUA recibiu máis de 200 mil dólares dos seus empregados para axudalo na reelección. Dende 1990 o seu partido apañou máis de seis millóns desta compañía.
O partido de George Bush viuse moi beneficiado por Southern, e viceversa
A compañía eléctrica estadounidense Southern, vinculada financeiramente co presidente George Bush, é unha das empresas máis contaminantes do Planeta. Concretamente, emite o 40% dos gases de efecto invernadoiro de EUA, e a cuarta parte dos de todo o mundo.
Unha soa planta, localizada en Juliette (Georgia, EUA) bota anualmente a atmosfera máis dióxido de carbono ca todo o sector eléctrico do Brasil.
Así se recolle nun informe elaborado pola organización Clean Air Watch. A compañía está, segundo os datos achegados, entre as que máis contribúen economicamente cos políticos do Partido Republicano.
Por exemplo, os empregados de Southern fixeron unha doazón de 217.047 dólares (160.000 euros) para axudar a George Bush a saír reelixido. Ademais, dende o ano 1990 a empresa achegou 6,2 millóns de dólares (máis de 4,5 millóns de euros) para as campañas electorais republicanas.
Bloqueo das enerxías renovábeis
Os ecoloxistas do país norteamericano afirman que o rexeitamento de Bush a asinar calquera acordo internacional para controlar o quecemento global está directamente relacionado con esta situación.
Ademais, Southern, que obtivo 14.400 millóns de dólares de beneficio en 2006, está a usar a súa influencia en Washington para bloquear a introdución das enerxías renovábeis, tal como a biomasa ou a solar, que reducirían o número de ingresos de xeito considerábel.